o Psdeg “rexeita frontalmente” a privatización da recollida e tratamento do lixo prestado pola deputación

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE rexeita “frontalmente” a privatización do servizo de recollida do lixo prestado pola Deputación de Ourense, porque “encarecerá e empeorará notablemente o servizo”. Deputados e deputadas provinciais mantiveron hoxe un encontro con alcaldes, alcaldesas e representantes dalgunhas das comarcas afectadas –non todos os concellos forman parte deste servizo– para analizar a proposta que se debaterá e votará no pleno de mañá venres.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“Sorprenden algunhas cuestións, xa que chegan a falar dunha cifra de negocio de explotación do servizo de 200 millóns de euros, externalizando o servizo a todos os concellos da provincia”, dixo o voceiro, Rafa Villarino, xa que actualmente só forman parte medio cento. “Á vista da información recibida fóra de tempo e fóra da orde do día, atopamos que a proposta que realizan é máis cara cunha xestión indirecta que cunha xestión pública e con recursos da propia Deputación”, denunciou. Os técnicos determinan un custe anual actual de 5,4 millóns fronte a 5,7 millóns co servizo privatizado.

Aos socialistas “chámalles a atención” que nos informes se incida no “estado calamitoso e catastrófico no que se atopa actualmente o servizo”, describindo “un alto absentismo laboral”; a existencia de “demasiados contedores” ou dun persoal “excesivo”. “Parece claro que Partido Popular e Democracia Ourensana buscan recortar para privatizar no lugar de impulsar para mellorar”, insisten desde o grupo provincial.

Villarino salientou que “nos informes técnicos desbotan por completo a fórmula dunha empresa mixta porque queren facer o servizo o máis atractivo posible para as empresas privadas”, polo que preguntou “se esta administración pública está para defender os intereses da veciñanza de Ourense ou para buscar negocio”.

Desde o PSdeG-PSOE defenden que este servizo público debe “adaptarse e mellorarse” para as “necesidades actuais da provincia”, algo que non se acada “recortando ata o punto de suprimir por completo os contedores dalgunhas aldeas ou reducindo as recollidas”. “Dicirlle a persoas maiores que van ter que desprazarse porque non van ter contedores nas súas vilas ou dicirlle ás persoas coas rendas máis baixas de España que van ter que pagar máis, non son boas noticias”, advertiu o voceiro.

Os e as socialistas analizarán posibles “alternativas” ante unha proposta de privatización “máis cara e máis ineficiente”, que “rexeitan frontalmente” polo fondo, pero tamén porque “non houbo nin mesa de negociación con sindicatos, nin cos grupos políticos”. “O talante democrático desta Deputación de Ourense está posto en tela de xuízo desde hai tempo e o servizo de recollida do lixo é un exemplo máis”, concluíu o voceiro xusto antes do encontro ao que tamén se sumaron asistentes por vía telemática.