o Psdeg rexeita “rotundamente” o cambio aos sábados da feira na cidade

. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter unha xuntanza co representante da asociación de venta ambulante, Fonti Montoya, para escoitar as súas demandas, por mor da decisión “unilateral” que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pretende levar a cabo mudando a feira que se celebra os días 7, 17 e 26 aos sábados. Os socialistas amósanse totalmente en contra e expresan o seu “rexeitamento” a mudar as datas da feira, xa que tal e como explican supón “un grave contratempo” e “prexudica economicamente” a estes vendedores, así como a comerciantes, polbeiras, feirantes e praceiros que non ven fiable nin factible este “baile” de datas.

Dende o Grupo Municipal Socialista indican que tras esta reunión e despois de sentarse tamén cos praceiros e comerciantes, a decisión que pretende levar a cabo o alcalde “non fai máis que prexudicar a todo un colectivo e provocaría que a feira de Ourense non contase os sábados co número idóneo de postos para que fose atractiva a turistas e cidadáns, xa que o calendario de datas impediría a presenza dun gran número destes colectivos na cidade”. Os socialistas lembran que o peche das feiras e mercadillos durante o estado de alarma “provocou un grave dano a familias enteiras que viven da venda ambulante”, polo que afirman que “mudar a feira sen contar con eles, suporalles un novo revés económico”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, responsable dos asuntos relacionados co comercio, Juana Ageitos, sinala que este cambio de datas “afectaría a máis de 90 familias, só do colectivo de vendedores ambulantes”, polo que lle esixe ao alcalde que “antes de tomar calquera decisión, se sente con eles para escoitar a problemática que supón estes cambios” e pídelle que “non abandone ao sector”. A edil socialista lembra que no transcurso das xuntas de área de comercio “xa solicitamos que se abrise unha canle de diálogo con este colectivo e que se crease unha comisión municipal da venda ambulante, tal e como existía durante o mandato socialista, cando nos sentábamos con eles a analizar a situación”.

Ageitos Gude esíxelle ao goberno municipal que “potencie” os mercadillos e que “amose o seu apoio ao sector, tal e como levamos feito os socialistas ao longo dos anos”. A concelleira socialista demanda que se leven a cabo “campañas de promoción, apostando por unha maior visibilidade, establecendo canles de diálogo e apostando por sinerxías en favor de todos os implicados”. Tamén lle pide a Jácome e ao seu equipo “sensibilidade coas necesidades do sector, cuxa principal reivindicación e que lles permitan exercer a súa actividade comercial”.

Dende o Grupo Municipal Socialista volven a lembrarlle ao rexedor que este tipo   de decisións “teñen que ser aprobadas en sesión plenaria, xa que calquera modificación da ordenanza municipal implica automaticamente o seu debate en sede plenaria” e xa adiantan que “non podemos apoiar nin consentir que se cambien os días de feira sen sentarse antes a debatelo cos implicados, sen valorar os puntos favorables e desfavorables e sen contar coa oposición, que é maioría no Concello de Ourense”.

Durante a xuntanza mantida co representante do colectivo da venta ambulante, este trasladoulle aos socialistas un escrito dirixido ao alcalde de Ourense e no que sinalan que “ante as informacións recollidas nos medios de comunicación sobre a posibilidade dos cambios de día de feira, elaboramos un calendario de traballo, contemplando posibles cambios”. O PSdeG-PSOE de Ourense informa que os vendedores, unha vez feito dito calendario “comprobaron que no caso de que a feira pasase os sábados, o número de postos sería moi reducido, ocasionando unha presenza de postos mínimo e repercutindo na falta de interese dos clientes en acudir a feira de Ourense, xa que unha feira con pouca oferta, non causa interese ao público xeral”. O escrito foi acompañado de firmas das diferentes persoas que pertencen ao sector.