O Psoe vota en contra de “privatizar salvaxemente” a recollida do lixo

O PSdeG-PSOE votou hoxe en contra da “privatización salvaxe” do servizo de recollida do lixo prestado pola Deputación de Ourense en decenas de municipios da provincia, porque “encarecerá e empeorará notablemente o servizo”. “Este modelo de privatización non vai ser bo para esta provincia nin para a súa veciñanza”, incidiron os socialistas durante o pleno de decembro.

O deputado, Nacho Gómez, recordou que este servizo público foi implantado polo anterior presidente da Deputación e que, desde a chegada do actual presidente, xa foi intentado privatizar en varias ocasións “sen éxito e incluso con reproches xudiciais”. “Vostedes queren facer negocio cun servizo delegado polos concellos na Deputación cos cartos que recadamos os municipios entre a veciñanza”, denunciou antes de cuestionar o actual proceder xurídico.  

AVANTAR ACTIVIDADES

“Se van recortar contedores nas aldeas ou reducir as recollidas e o persoal, é evidente que vai ser un servizo máis caro, peor prestado e controlado por unha empresa privada”, insistiu. Gómez retou ao goberno provincial a convocar a todos os alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados, así como aos empregados e empregadas para explicarlles a situación con toda a documentación xa que, segundo denunciou, non lles comunicaron “absolutamente nada”.

Acordo en favor de Antón Tovar

Os socialistas ourensáns tamén impulsaron no pleno unha iniciativa para que a Real Academia Galega (RAG) dedique o Día das Letras Galegas de 2023 ao escritor ourensán Antón Tovar. A proposta igualmente instaba a que o goberno provincial dea difusión, a través de todos os medios cos que conta a Deputación, desta candidatura. Durante o debate, a deputada, Elvira Lama, reclamou que Deputación, Concello e Xunta de Galicia inicien os trámites necesarios para a creación dun museo na casa natal do autor en Rairiz de Veiga, logo de falar coa familia, que amosou a súa disposición para ceder o inmoble para este fin.

A deputada do grupo socialista resaltou que “a súa importancia como escritor radica en que foi un gran poeta”, que algúns expertos definen como “o poeta galego máis importante da segunda metade do século XX”. Tamén porque “ten unha destacada relevancia como autor de poesía, algo que non abonda na nosa literatura galega”. A iniciativa foi aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación provincial.

Un Porsche de luxo na Deputación

Durante o pleno, o PSdeG-PSOE tamén pediu “explicacións detalladas” ao goberno provincial de Manuel Baltar, Democracia Ourensana e a tránsfuga, Montse Lama, sobre a custodia dun luxoso Porsche Panamera valorado en 130.000 euros nas instalacións públicas da institución.

Empregados da Deputación realizaron tarefas de limpeza exterior e interior deste automóbil a finais do mes de novembro. No inventario que recolle o parque móbil non figura ningún vehículo deste modelo e tampouco foi publicado ningún documento legal sobre a súa adquisición ou cesión.

Nacho Gómez preguntou polas viaxes realizadas e polos quilómetros totais percorridos; polas persoas e condutores que empregaron estes vehículos; polo documento que formalizou a prestación ou cesión; cal foi o gasto en combustible e quen o asumiu estes custes.

A pesar de estar estacionado en instalacións da Deputación Provincial e en mans de persoal da institución, Baltar ocultou todos estes datos e limitouse a asegurar que o persoal que usou o vehículo foi exclusivamente de “Rede Mundo Atlántico” e da “Mobile Week”. Igualmente manifestou que “non existe un rexistro de viaxes” e que tampouco poden ofrecer os quilómetros percorridos porque “é un dato que só garda a empresa propietaria” do vehículo.

Manzaneda, abandonada

Os e as socialistas tamén indagaron polo estado actual da estación de montaña de Manzaneda. Así pois, o deputado, Aurentino Alonso, interpelou por escrito ao goberno provincial, entre outros, polo estado semibaleiro das balsas do sistema de innivación, xa que deberían estar dispoñibles ao 100 % ao inicio da tempada de esquí o pasado 27 de novembro.

Tamén reclamou información sobre se van cumprir con todo o previsto no proxecto de innivación artificial e coas obrigas estipuladas na Declaración de Impacto Ambiental no relativo á protección do terreo ou se van retirar as pedras depositadas entre a zona do pluviómetro e a pista do regato.

A iniciativa tamén cuestionaba a reforestación e rehabilitación ambiental da zona afectada polas obras. Alonso tamén preguntou se van volver sacar a licitación a xestión ou se van proporcionar copia do contrato da xestión hoteleira en favor da empresa OCA hoteles, así como outra documentación solicitada reiteradamente ao longo dos últimos anos que nunca foi facilitada.

Pero unha vez máis, Baltar evitou responder sobre os problemas que acumula Manzaneda ano tras ano e limitouse a explicar que remitirá a solicitude desta información a Meisa, a sociedade que xestiona a estación.