A Xunta destaca na reunión co presidente do C.D. Arenteiro as axudas á recuperación do deporte postcovid

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou esta mañá o enorme esforzo inversor da Xunta na estimulación do deporte na provincia de Ourense durante o ano 2021 cun investimento total de 859.807,14 euros, que sumados ós 247.022,61 euros da convocatoria ordinaria, fan un total de 1.106.829,75 euros.

Así, Gabriel Alén, acompañado do xefe provincial de deportes, Manuel Pérez, detalloulle  ao presidente do Club Deportivo Arenteiro, Argimiro Marnotes, as partidas da Secretaría Xeral para o Deporte que consistiron en 218.222 euros repartidos entre 91 entidades deportivas ourensáns para a Implementación de medidas de seguridade como consecuencia da Covid-19. Así mesmo, 47 entidades foron beneficiarias de 169.036,91 euros para a adquisición de equipamentos deportivos, e 119 recibiron 472.548,23 euros para a reactivación da actividade competitiva.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial subliñou que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, leva investidos preto de 8 millóns de euros para a reactivación do deporte galego en axudas directas para federacións e clubs deportivos ao longo de 2021. A pandemia supuxo a paralización da actividade deportiva na Comunidade Autónoma durante os meses de marzo a xuño de 2020 e, tras ela, unha volta á actividade e á competición, condicionada polas restricións e limitacións impostas. Cómpre salientar o excelente comportamento de deportistas, clubs e federacións neste aspecto, acadando que o deporte federado fora un dos ámbitos máis protexidos nas sucesivas normas aprobadas. Por iso, dende o primeiro momento, Galicia camiñou da man do tecido deportivo galego e impulsou numerosas medidas para facilitar o camiño da volta á normalidade.

Ademais dos recursos propios do orzamento deportivo anual da Xunta de Galicia, no último trimestre do ano 2021, a Secretaría Xeral para o Deporte recibiu 5,7 millóns de euros procedentes dos Fondos de Consenso. 1,7 millóns de euros foron destinados á convocatoria extraordinaria equipamentos e os restantes 4 millóns destináronse á liña de axudas de reactivación da actividade deportiva. Os Fondos de Consenso, aprobados polo Parlamento de Galicia, contribúen á recuperación económica e social de Galicia tras a crise sanitaria. No ámbito deportivo recomendan o impulso de axudas destinadas á compensación das perdas pola caída de ingresos derivados da redución de aboados e público, así como destinadas a afrontar as cotas federativas.

Recuperación da práctica deportiva

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución de axudas directas a federacións deportivas, clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para a reactivación da actividade deportiva competitiva no contexto da Covid-19. En total, son 4 millóns de euros para apoiar ao tecido deportivo galego no seu proceso de recuperación da práctica deportiva e de competición deportiva federada, desde a base ata o alto rendemento e nivel competitivo.

Esta liña de axudas directas orbita sobre un triplo pivote. Por unha banda, ocúpase das cotas federativas que dan dereito á participación de clubs e deportistas nas competicións deportivas oficiais, tanto autonómicas como estatais non profesionais cun total de 3.073.564 euros. Un impulso máis que necesario para reactivar a actividade federativa no casa de cada un dos 1.209 clubs beneficiarios. Por outra banda, ocúpase tamén da minoración dos ingresos obtidos polas entidades deportivas como consecuencia da paralización e peche da actividade, ou do seu desenvolvemento con limitacións de público e capacidade, cunha consecuente rebaixa do montante obtido na venta de billetes e abonados. En total son 781.072 euros para 57 clubs. Por último, establécese tamén un recoñecemento dos esforzos realizados por aquelas federacións deportivas galegas que, no obxecto de protexer a súa respectiva competición, adoptaron medidas para favorecer a inscrición dos equipos e deportistas. Son 145.362 euros para trece federacións deportivas galegas que minoraron as súas cotas para non cargar a responsabilidade da Covid sobre os deportistas.

2 millóns de euros máis para seguridade e prevención

Ademais da devandita resolución, o pasado mes de agosto, a Secretaría Xeral para o Deporte resolvía a convocatoria de subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas e para a implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da Covid-19. Nesta segunda liña de actuación -directamente vinculada a sufragar os gastos ocasionados pola pandemia- destináronse dous millóns de euros que beneficiaron a un total de 823 entidades.

1,9 millóns de euros para equipamentos

A liña de subvencións para a adquisición de equipamentos no ano 2021 contou cunha orde extraordinaria de 1,9 millóns de euros, resolta hai semanas. Esta convocatoria foi a primeira cuxos fondos foron destinados á reactivación do deporte galego e mesmo incluíu a posibilidade de sufragar material sanitario como equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da Covid-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.). En total foron beneficiadas nesta liña 503 clubs e 16 federacións.

Outras medidas contra a Covid

Xa en maio de 2020, en pleno confinamento e traballando coas federacións, deportistas e clubs de xeito online, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou como medida pioneira posibilidade de que, no marco do convenio de colaboración de 2020, as federacións adquirisen material sanitario non inventariable (luvas, máscaras, xeles…) necesarios para a reactivación da actividade deportiva.

En xuño de 2020, cando Galicia foi a primeira comunidade en abandonar o confinamento grazas aos seus mellores datos epidemiolóxicos, a comunidade xa contaba cun protocolo para a volta á actividade deportiva. O obxecto do FISICOVID-DXTGALEGO, do que naceron os protocolos de cada unha das federacións deportivas galegas, foi establecer a metodoloxía a seguir polas propias federacións no establecemento das medidas de prevención necesarias para facer fronte para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 no ámbito do deporte federado de Galicia.

Cómpre lembrar tamén as cinco Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ elaboradas pola Secretaría Xeral para o Deporte e expertos universitarios que poñen á disposición de federacións, clubs, profesores e adestradores suxestións con base científica que permitan acelerar a volta á normalidade na práctica da actividade deportiva con toda a seguridade e cumprimento das normativas. Asemade, o traballo da Xunta de Galicia xunto a Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD) deu como froito as ‘Pílulas solidarias’ de adestramento mental levadas a cabo durante os meses de confinamento para axudar á preparación e motivación dos e das deportistas, técnicos e técnicas, así como todos os representantes do tecido deportivo de 20 países e que foron editadas en libro.