Preto de 300 deportistas participarán o domingo no XIV Ciclocross Castelo de Maceda

 Preto de 300 deportistas procedentes de toda Galicia participarán o próximo domingo, día 26, no XIV Ciclocross Castelo de Maceda, proba pertencente á Copa Deputación e incluída no campionato galego desta modalidade. A carreira foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Maceda, Ruben Quintas; e os presidentes do Club Ciclista de Maceda e da Federación Galega, Xulio Conde e Carlos Muñiz. 

Na presente edición desta proba participarán deportistas de 14 categorías, desde cadete ata máster 60 e mesmo a máis alta, elite, tanto en masculino como en feminino. Desde as 09.30 horas da mañá e durante case seis horas, os corredores terán que facer fronte a un circuíto de 2.700 metros de lonxitude habilitado en torno ao castelo e con diverso firme, tanto terra, herba como asfalto, e onde a principal dificultade estará no barro como consecuencia das chuvias destes días, sinalan desde o Club Ciclista de Maceda como organizador da carreira. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre os corredores que se darán cita na proba figuran coñecidos ourensáns como Iván Feijóo, Saúl López ou Rubén Deaño, así como Noela Sá ou Andrea García en categoría feminina.