A Xunta recibe as ofertas de 3 empresas para executar a renovación da rede de abastecemento en Magros, no concello de Beariz, licitada por preto de 93.000 €

Dotarase dunha nova rede de abastecemento aos barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo que asegure un caudal de auga mínimo ás vivendas e ás bocas da rega

Os traballos incluirán a renovación da rede de abastecemento do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre Augas de Galicia e o Concello o pasado mes de xuño

A Xunta continúa axudando aos concellos para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu as ofertas de 3 empresas para executar as obras de renovación da rede de abastecemento de auga no lugar de Magros, no concello de Beariz, que foron licitadas por un orzamento de preto de 93.000 euros.
O obxectivo desta actuación é impulsar as actuacións necesarias para dotar dunha nova rede de abastecemento aos barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo.
A intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en xuño entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Beariz.
Segundo o recollido neste convenio, a Xunta asume o 80% do investimento, ademais de levar a cabo a contratación, execución, dirección e xestión das obras. Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses.

Pola súa banda, o Concello de Beariz contribuirá ao financiamento do 20% restante e asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

O obxecto do contrato


A actuación proxectada por Augas de Galicia ten como obxectivo a execución dunha nova rede de abastecemento nos barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo para asegurar un caudal de auga mínimo de 200 l/habitante-día ás vivendas e un caudal nas bocas de rega e incendio.

As obras incluirán a renovación da rede de abastecemento procedente do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo, instalando tubaxe de 75 mm de diámetro.

En ambos os extremos colocaranse válvulas redutoras de presión. Renovarase tamén toda a rede da Aldea de Abaixo con tubaxe.

En conxunto, executarase un total de 456 metros de tubaxe, ademais de chaves de paso, bocas de rega, ventosas e desaugadoiros para o correcto funcionamento da rede. Con esta actuación darase servizo a unha poboación de 431 habitantes.

O departamento que preside Ethel Vázquez continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente e acorde ás necesidades dos cidadáns.