A Xunta destina preto de 5 millóns de euros para plans de mellora agraria

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse, acompañado do alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, ás instalacións da explotación agrícola de María Asunción Rodríguez, beneficiaria das axudas da última convocatoria para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

O delegado territorial salientou que na provincia de Ourense, un total de 154 agricultores e gandeiros beneficiaranse de 4.922.101 millóns de euros. No caso dos investimentos en explotacións agrarias (máis coñecidos como plans de mellora), aprobáronse 81 solicitudes, cun importe 2.367.101 millóns de euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

No apartado destinado aos mozos, 57 incorporáronse á actividade agraria grazas a estas subvencións. Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos foron aprobadas cunha achega media superior aos 37.000 euros por beneficiario. En total, falamos de 2.315.000 millóns de euros cos que se garante o relevo xeracional no campo. Por sectores, unha vez máis, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 35,6% e un 20% dos expedientes respectivamente.

Con respecto ás axudas específicas para pequenas explotacións, na convocatoria de 2020 beneficiaranse un total de 16 granxas cunha achega individual de 15.000 euros, sendo as mulleres as que máis solicitan este tipo de axuda. Na provincia de Ourense, este tipo de instalacións foron beneficiadas cun total de 240.000 euros. No caso desta liña, encabezan a repartición por orientación produtiva as explotacións de vacún de carne, que representan o 68,5% dos expedientes aprobados, seguidas polo vacún de leite co 15% dos expedientes. Respecto ao orzamento, a achega total ascende a 3,19 millóns de euros.

O representante do Goberno galego explicou que con esta orde de axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector agrario, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural.

Estas axudas –subliñou Gabriel Alén- teñen unha gran repercusión no campo galego porque implica un gran número de axentes que participan neste labor, desde as oficinas técnicas que elaboran os proxectos, ata os concellos que conceden as licenzas de obra e as pequenas pemes encargadas de realizar as obras contidas nos proxectos. Polo tanto, prodúcese un efecto multiplicador destas subvencións que dinamizan de maneira moi importante o medio rural.

Precisamente, o Goberno galego vén de dar luz verde á nova convocatoria destas axudas para o ano 2022 cun orzamento total de 37,5 millóns de euros. En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) é de 20 millóns de euros, para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 15 millóns de euros e, por último, para o desenvolvemento de pequenas explotacións haberá 2,5 millóns de euros.

Reunión co alcalde

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantivo na Casa do Concello un encontro co alcalde, Aquilino Valencia, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica. Así, durante a xuntanza fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

Gabriel Alén puxo en valor os recentes investimentos da Xunta, como as axudas do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020 – 2021 de 32.993 euros da Consellería do Medio Rural; as achegas de 23.114 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o arrendamento, con opción de compra, de maquinaria para traballos de restauración de ecosistemas naturais, así como eliminación de especies exóticas invasoras e restauración da vexetación característica.