O BNG denuncia caos e descontrol no envío de notificacións a particulares para a limpeza e o debroce de solares

Os nacionalistas denuncian que coa externalización do servizo por parte do Concello de Ourense, estanse remitindo notificacións de solares xa limpos ou aos que mesmo nos lles corresponde. Ditas notificacións incorporan ameazas de sancións

A situación está a crear un aluvión de reclamacións no Rexistro do concello, o que está a tensionar dito departamento

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello de Ourense externalizou o sistema de notificacións a empresas e particulares no referido á limpeza de solares dentro do ámbito territorial do termo municipal. Empresa que non cotexa cos técnicos municipais o estado real de ditos solares “e que se limita ao envío de notificacións de xeito indiscriminado”.

Segundo denuncia o Grupo Municipal do BNG no concello, ao longo das últimas semanas “teñen sido moitos os particulares que se achegan a nós, incrédulos de ter recibido unha notificación para a limpeza dos seus solares, con ameazas de sanción incluídas, cando dito solar xa está limpo e desbrozado”.

Para os nacionalistas esto débese ao nulo interese da empresa por cotexar a realidade sobre o terreo e ao nulo interese por parte do concello en que ese traballo de campo “se faga”.

Outro dos problemas é que as citadas notificacións levan o logo da Xunta de Galiza e de SEAGA pero non o do concello, responsable da emisión, polo que moitos particulares que queren presentar alegacións acoden á Cosellería de Medio Rural e desde alí son derivados ao Rexistro municipal, “co malestar que iso provoca, ademais de colapsar ambos servizos”.

E é que para o BNG, esta situación de caos e descontrol no que se notifica e ameaza con sancións a veciñas e veciños que xa limparon ou mesmo que pola tipoloxía de vexetación da parcela non teñen que facelo, “está a tensionar e a provocar moito malestar entre as veciñas e os veciños, algúns dos  cales e ante a ameaza de sanción, deciden volver a limpar, co prexuízo económico que iso lles ocasiona”.

O BNG urxe ao Goberno Local a que solvente urxentemente esta situación que está supondo “un grave prexuízo para moitos particulares e un aluvión de reclamacións no Rexistro Xeral do concello”.