O Psoe insta á Xunta a “depurar” responsabilidades na actuacion do PP no río Barbaña

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha batería de iniciativas, tanto no Parlamento de Galicia como no Concello de Ourense, para denunciar a desfeita medio ambiental realizada pola concellería de medio ambiente e o seu titular, o popular Jorge Pumar, no río Barbaña. Os socialistas pídenlle á Xunta de Galicia, que ten competencias en materia de inspección, vixilancia e sanción medio ambiental, que “non mire para outro lado”, como ven de facer nos últimos tempos dende a chegada de Gonzalo Pérez Jácome ao Concello de Ourense, e que proceda a “depurar” responsabilidades polo “arboricidio” cometido no Barbaña.

Dende o seno dos socialistas ourensáns destacan que a concellería de medio ambiente solicitou autorización á Confederación Hidrográfica Miño-Sil para unha serie de actuacións consistentes na limpeza e mantemento do Barbaña, e en todo caso de desbroce de vexetación non arbórea. Denuncian que Pumar “aproveitou esta autorización para facer unha desfeita, unha tala indiscriminada de árbores e un auténtico arboricidio, rachando co ecosistema deste río”. Unha situación que xa foi denunciada o pasado 6 de decembro por diferentes asociacións ecoloxistas e colectivos veciñais da cidade, e polo propio PSdeG-PSOE de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria autonómica, Carmen Rodríguez Dacosta, anunciou que o PSdeG preguntará no Parlamento de Galicia “que actuacións ten realizado o goberno galego con respecto a esta tala indiscriminada de árbores no Barbaña?” e “que valoración fan da actuación contra o medio ambiente levada a cabo polo Concello de Ourense?”. A deputada socialista insta á consellería de medio ambiente a que “realice unha visita e inspección para elaborar un informe no que se dea traslado a comisión de medio ambiente e podamos ver as actuacións que se van a levar a cabo, así como as correspondentes sancións e como se procederá a restauración da flora e fauna arrasadas”.

Rodríguez Dacosta puxo o foco en que “namentres o Goberno central publica no BOE unha actuación con fondos europeos para un proxecto de saneamento do Barbaña e de ampliación da depuradora de San Cibrao para cumprir cunha débeda histórica coa cidade de Ourense, o goberno municipal opta por unha tala indiscriminada”. A parlamentaria socialista tamén apunta que “este acto ordenado por Jorge Pumar ten que ter consecuencias e tenas que medir a Xunta e non mirar para outro lado”.

Pola súa banda, a vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense no Concello, Natalia González Beneitez, remarcou a “preocupación” dos socialistas pola “desfeita” levada a cabo no río Barbaña e anunciou unha iniciativa municipal en positivo de cara ao vindeiro pleno de xaneiro, no que o PSOE “aposta por recuperar dunha vez por todas e devolverlle a Ourense o río Barbaña, dándolle o valor e autenticidade que merece”. A concelleira socialista tamén remarcou que, por parte do Goberno central, ábrese un prazo de presentación de proxectos susceptibles de financiación por parte dos fondos Next Generation, “nos que hai un apartado clave como é a revalorización da biodiversidade nos leitos fluviais”. Un proxecto do que sinala “é perfectamente subvencionable, polo que instamos ao Concello a que se solicite”.

González Beneitez aproveitou tamén para denunciar publicamente que o Concello de Ourense levou a cabo unha “desfeita” medio ambiental neste río, “polo que recorremos á Xunta para que faga unha inspección medio ambiental sobre os traballos realizados no Barbaña”. A edil socialista tamén remarcou que “proporemos a corporación municipal que se leve a cabo un proxecto de re naturalización do río, porque hai que recuperar a biodiversidade, xa que hai moita flora e fauna que se levou por diante e hai que restaurar”.

Por último, o voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que a “defensa” do río Barbaña “sempre foi un obxectivo do PSOE” e sinalou que “agora que se desbloquearon 14 millóns de euros para unha intervención do Estado que vai deixar pegada na cidade, temos que enfrontarnos coa visión do Concello, na que se desfai e se estraga por completo todo un ecosistema”. O secretario provincial dos socialistas ourensáns tamén fixo un chamamento a “renaturalizar o leito do río, coidar e mimar un recurso esquecido durante anos e que o PSOE sempre tivo en axenda”.

Rodríguez Villarino aproveitou para remarcar que “máis pronto que tarde, Ourense terá un goberno que lle dará a esta cidade os recursos medio ambientais que debe ter” e fixo un chamamento á veciñanza a que “non perda a esperanza, xa que o PSOE está a velar porque Ourense teña os seus ríos en condicións e sexan motivo de orgullo”. Por último, finalizou afirmando que “calquera que vexa o estado no que se atopa o río Barbaña, cáelle a alma aos pés, vendo o que puido ser e non foi”.