O Psdeg de Chandrexa denuncia a actitude “caciquil e antidemocrática” do alcalde do pp

O PSdeG-PSOE de Chandrexa de Queixa denuncia a actitude “caciquil” e “antidemocrática” do alcalde do municipio, Francisco Rodríguez Rodríguez, e do seu equipo de goberno, que durante as sesións plenarias se nega a contestar as preguntas da oposición. Os socialistas critican que na última sesión plenaria, o rexedor do municipio chegou a dar por finalizada a sesión ante as preguntas da voceira do PSOE relativas aos niveis de arsénico na auga e a perda de auga dos mananciais, onde segundo apunta “se estaban perdendo 64.000 litros de auga diarios que non chegaban aos depósitos municipais de auga”.

Dende o PSOE de Chandrexa poñen de manifesto que o alcalde e o seu equipo aproveitaron o último pleno para dar mostra da súa “actitude ditatorial, impedindo a labor fiscalizadora da oposición e negándose de xeito rotundo a dar resposta a calquera das preguntas formuladas pola voceira socialista”. Os socialistas apuntan que ante a ausencia da persoa que grava en vídeo os plenos municipais e a inexistencia dunha cámara para realizar esta tarefa “o alcalde e o seu equipo optaron por unha actitude chulesca dende o comezo, impedindo que se dese resposta as preguntas e tratando de molestar con comentarios e conversacións paralelas o apartado de rogos e as intervencións da concelleira socialista”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Chandrexa de Queixa, Pilar Barrueco Salvador, a situación “é moi preocupante”, xa que segundo apunta “o noso municipio está afectado dende o mes de setembro polo arsénico na auga”, situación que afecta de forma especial o termo municipal de Celeiros, “onde se sitúan dous restaurantes, a residencia de maiores e o centro médico, polo que o arsénico está ocasionando graves problemas aos negocios, pero tamén a nosa veciñanza”. A edil socialista apunta que “o alcalde non pode ignorar un problema tan grave de saúde pública e debe dar explicacións non só a oposición, senón tamén á veciñanza”.

Barrueco Salvador sinala tamén que nos últimos días comprobou durante unha visita aos mananciais e ao depósito de auga municipal que o Concello “estaba desperdiciando 64.000 litros ao día de auga, tendo o depósito municipal a media capacidade, xa que a auga non chegaba debido as perdas e tendo que ir a por auga a Montederramo”. Esta pregunta foi o detonante de que o alcalde dese por concluído o pleno, “sen dar resposta e amosando moito nerviosismo ante unha situación que supón un risco para o noso municipio, tanto polo arsénico procedente dos pozos que o alcalde se empecina en levar a cabo, como pola ausencia de auga nos depósitos municipais”, explica a edil socialista, que tamén apunta que “curiosamente e tras levantar o pleno sen dar explicacións, procederon a solucionar o problema da perda de auga”.

Os socialistas esíxenlle ao rexedor, Francisco Rodríguez, que se deixe de actitudes “impropias do século XXI”, que “dea resposta as preguntas da oposición” e que “escoite as reclamacións da veciñanza en temas tan importantes como a auga e a saúde pública”. Pilar Barrueco finaliza afirmando que “Chandrexa merece un alcalde que non se esconda ante os problemas do municipio, que dea a cara ante a veciñanza e que resolva os problemas que afectan a diario aos nosos veciños e veciñas”.