En Castrelo de Miño a Xunta destinará 400.000 € para reducir o nivel de arsénico do sistema de abastecemento de auga

o consello da xunta autoriza a colaboración co concello de castrelo de miño para executar as actuacións necesarias para reducir o nivel de arsénico do sistema de abastecemento de auga

A Xunta destinará 400.000 euros a financiar as obras precisas para abastecer a
poboación con garantías sanitarias e a redacción do proxecto da solución definitiva
para este problema
― O Concello de Castrelo de Miño realizou o pasado 17 de decembro unha declaración
de emerxencia para afrontar as incidencias do abastecemento en colaboración con
Augas de Galicia
― Na potabilizadora de Coto Novelle mellorarase a dosificación de reactivos,
substituirase a área do filtro por outra de alta capacidade e instalaranse
analizadores de cloro e turbidez en continuo
― No depósito de Traveso executarase un filtro para a eliminación de arsénico, con
analizadores de cloro e turbidez en tempo real
― O Goberno galego tamén vén de adxudicar as obras de mellora da rede de
abastecemento en varios núcleos do municipio

AVANTAR ACTIVIDADES

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración co Concello
de Castrelo de Miño para desenvolver as actuacións necesarias para reducir os niveis de
arsénico do sistema de abastecemento municipal de auga, que suporán un investimento
de 400.000 euros.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará a asistencia técnica ao Concello para
definir as actuacións de emerxencia necesarias para a eliminación do arsénico con
carácter urxente, as obras para abastecer con garantía sanitaria a poboación e a
redacción do proxecto da solución definitiva a este problema.
O obxectivo é realizar as actuacións necesarias para minimizar os niveis de arsénico
detectados na auga que abastece a poboación do municipio ourensán de Castrelo de
Miño.
O pasado 17 de decembro o Concello realizou unha declaración de emerxencia para
afrontar a situación, tras detectarse elevados valores de arsénico no sistema de
abastecemento de auga. Para acadar valores aptos para garantir a calidade da auga do
abastecemento, cómpre desenvolver unha serie de actuacións para as que a entidade
local conta co apoio técnico e financeiro da Xunta.

No marco deste convenio, proxéctanse, en primeiro lugar, actuacións de emerxencia
para abastecer con garantía sanitaria a execución dunha solución definitiva, asumindo a
Xunta o custo, tanto da asistencia técnica para a súa definición, como da súa execución.
Para atallar de forma inmediata esta problemática, na potabilizadora de Coto Novelle,
mellorarase a dosificación de reactivos e levarase a cabo a substitución da area do filtro
pechado actual por outra de alta capacidade, mediante un sistema automatizado.
Ademais, instalaranse analizadores de cloro e de turbidez en continuo.
Ademais, no depósito de Traveso, executarase un filtro para a eliminación de arsénico,
con analizadores de cloro e turbidez en tempo real.
Xunto con isto, o convenio autorizado hoxe polo Consello recolle a redacción do
proxecto da solución que permita acabar de forma definitiva co problema da presenza
de altos niveis de arsénico na auga do abastecemento. Ese proxecto elaborarase
tomando como base o resultado do estudo de alternativas xa desenvolvido por Augas de
Galicia.
Esta nova colaboración da Xunta con Castrelo de Miño súmase a outra actuación
paralela para executar melloras na rede de abastecemento en varios núcleos do
municipio por un importe de 40.000 €, cuxas obras veñen de ser adxudicadas.


VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV

CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO