Inorde e Naturgy poñen en marcha un proxecto piloto para controlar a vexetación baixo os tendidos eléctricos con gando autóctono

O Inorde e UFD, distribuidora de electricidade do grupo Naturgy, puxeron en marcha un proxecto piloto na provincia de Ourense para controlar a vexetación nas zonas situadas baixo os tendidos eléctricos. A iniciativa fomenta o pastoreo dirixido de gando autóctono e favorece o desenvolvemento rural sostible.
A redución da biomasa nos corredores das liñas eléctricas é indispensable para garantir o acceso do persoal que realiza o adecuado mantemento ás instalacións. Para iso, a compañía conta con plans de xestión da vexetación que minimizan o impacto ambiental, baseados nas novas tecnoloxías de dixitalización 3D, análise automática de imaxes e xestión avanzada de datos, que lle permite dispoñer dun xemelgo dixital da infraestrutura e a vexetación próxima ás liñas.
Actualmente, a roza da vexetación máis próxima ao chan realízase con medios mecánicos, seguindo un estrito protocolo para preservar a biodiversidade e a protección de certas especies de fauna e flora protexidas. Con este proxecto, impulsado xunto ao Inorde, Naturgy probará un novo modelo de control da vexetación máis sostible e con menor impacto no medio ambiente, a través do tradicional método do pastoreo dirixido de gando.
Ademais, o aproveitamento da superficie baixo os tendidos eléctricos permitirá incrementar a superficie destinada á gandería e a cantidade de forraxe dispoñible para o gando, en consonancia co desenvolvemento da zona e contribuíndo tamén ao obxectivo de fixar poboación no medio rural.
A compañía estudará a viabilidade deste sistema para a súa futura implantación noutras áreas xeográficas onde dispoña de tendidos eléctricos e, para iso, está a traballar tamén xunto a outras institucións, empresas e universidades, para impulsar conxuntamente proxectos similares ao que está en marcha na provincia de Ourense.