O Psdeg de Beade esixe solucións “urxentes” para os “continuos e reiterados” problemas co alumeado público

 O PSdeG-PSOE de Beade volve a denunciar, unha vez máis, os “continuos e reiterados” problemas co alumeado público en varios puntos de diferentes parroquias do municipio, e que chegaron a estar tres meses con graves deficiencias e coa veciñanza “as escuras” totalmente nas rúas, pola “neglixencia e incompetencia” do rexedor do Partido Popular, Senén Pousa. Os socialistas denuncian que tras impulsar nun pleno municipal que se atenderan as demandas da veciñanza, o alumeado público volve a fallar de xeito “sistemático” nos últimos meses, namentres o rexedor “fai oídos xordos ás reclamacións da oposición e da veciñanza”.

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que o último episodio viviuse en Noiteboa, “cando varias rúas, como a principal de Beade, quedaron sen alumeado público e coa veciñanza tendo que desprazarse completamente as escuras, incluso utilizando lanternas para poder moverse”. Os socialistas reclaman, “unha vez máis”, que se procuren solucións e se inste a empresa que xestiona o alumeado en Beade a que arranxe os problemas de alumeado en todos os puntos afectados do municipio. Destacan que a ausencia de alumeado público “xera inseguridade e fomenta o vandalismo e posibles roubos, polo que a veciñanza non se sente segura”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A concelleira socialista, Carmen Rama Cotelo, destaca que a veciñanza de Beade “non pode seguir soportando a un rexedor que mira para outro lado, mentres eles sofren as consecuencias da súa incompetencia e falta de solucións aos problemas cotiás”. Esíxelle ao goberno municipal, encabezado por Senén Pousa, que “dunha vez se poña a traballar para dar solución aos problemas diarios e cotiás da veciñanza de Beade e a un tema tan importante como o da luz, que afecta con frecuencia aos veciños e veciñas do noso municipio”.

Para Rama Cotelo “é indignante” que a veciñanza estea con estes problemas no subministro eléctrico e que o alcalde “só mova ficha cando o PSOE acude aos plenos a reclamar por activa e pasiva solucións”. Tamén critica que o rexedor opte por “plenos a medida”, nos que trata de evitar os rogos e preguntas “para tapar a súa pésima xestión e facer un exercicio antidemocrático propio do franquismo, que tanto admira”.

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén denuncian que aos problemas coa luz sumáronse nos últimos días problemas no subministro de auga ás vivendas e denuncian que unha vez máis nin Pousa, nin o Partido Popular “están a mover un dedo para darlle algunha solución a unha veciñanza cada vez máis farta do pasotismo e a deixadez dun alcalde que non mira por eles e que non se preocupa dos seus problemas”.