A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar de xeito telemático, co alcalde do Castrelo de Miño, Avelino Pazos, este acordo
A Xunta achegará 400.000€ para financiar as obras para abastecer á poboación con garantías sanitarias e redactar o proxecto da solución definitiva para este problema
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar de xeito telemático, co alcalde do Castrelo de Miño, Avelino Pazos, o convenio de colaboración para desenvolver as actuacións necesarias para reducir os niveis de arsénico do sistema de abastecemento municipal de auga, que suporán un investimento de 400.000 euros.
A Xunta financiará a asistencia técnica ao Concello para definir as actuacións de emerxencia necesarias para a eliminación do arsénico con carácter urxente, as obras para abastecer con garantía sanitaria á poboación e a redacción do proxecto da solución definitiva a este problema.
O obxectivo é realizar as actuacións necesarias para minimizar os niveis de arsénico detectados na auga que abastece á poboación do municipio ourensán de Castrelo de Miño.
O pasado 17 de decembro o Concello realizou unha Declaración de Emerxencia para afrontar a situación tras detectarse elevados valores de arsénico no sistema de abastecemento de auga. Para acadar valores aptos para garantir a calidade da auga do abastecemento cómpre desenvolver unha serie de actuacións para as que a entidade local conta co apoio técnico e financeiro da Xunta.
No marco deste convenio, proxéctanse en primeiro lugar, actuacións de emerxencia para abastecer con garantía sanitaria a execución dunha solución definitiva, asumindo a Xunta o custo, tanto da asistencia técnica para a súa definición, como da súa execución.
Para atallar de forma inmediata esta problemática, na potabilizadora de Coto Novelle, mellorarase a dosificación de reactivos e levarase a cabo a substitución da area do filtro pechado actual por outra de alta capacidade, mediante un sistema automatizado. Ademais instalaranse analizadores de cloro e de turbidez en continuo.
Ademais, no depósito de Traveso, executarase un filtro para a eliminación de arsénico, con analizadores de cloro e turbidez en tempo real.
Xunto con isto, o convenio recolle a redacción do proxecto da solución que permita acabar de forma definitiva co problema da presenza de altos niveis de arsénico na auga do abastecemento. Ese proxecto elaborarase tomando como base o resultado do estudo de alternativas xa desenvolvido por Augas de Galicia.
Esta nova colaboración da Xunta con Castrelo de Miño súmase a outra actuación paralela para executar melloras na rede de abastecemento en varios núcleos do municipio por un importe de 40.000 €, cuxas obras veñen de ser adxudicadas.
VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV
