O Carballiño recorda a Fariña Jamardo ca publicación de dúas das súas obras en fascímile

José Fariña Jamardo (Caldas de Reis, 1919 – Madrid, 2008) é unha figura vencellada á historia do Carballiño e protagonista, cando non promotor, de proxectos que forman parte do legado social e cultural da vila. Secretario municipal do Carballiño durante un tempo, tamén realizou esa mesma función noutros concellos de Galicia e do resto do Estado, foi Oficial Maior do Parlamento de Galicia e mesmo se desenvolveu na empresa privada como directivo nas firmas Barreiros Diésel e Chrysler España.

Á súa faceta de perfecto coñecedor da administración local e autor de estudos sobre a mesma, que entre outros lle valeron o premio Losada Diéguez por un dos seus traballos, sumou a de novelista e poeta.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais de ser o autor da pioneira <Guía de Carballino>, editada en 1961, entre as súas obras figuran varios títulos vencellados á vila. O libro de poemas <Carballiño. Poemas ao xeito vello para unha vila nova> (1957) ou as novelas <O mesón do birollo> (1971), <A liña. Carballiño-Ribadavia, 30 minutos> (1980) e <A feira do Carballiño> (1981) son títulos do creador de iniciativas como os encontros Tasca e Literatura ou do Boletín Municipal do Carballiño.

Coincidindo coa celebración dos 40 anos da publicación da obra <A feira do Carballiño> o Concello quixo lembrar o traballo de Fariña Jamardo e promover, a xeito de homenaxe e lembranza do que fora secretario municipal da vila, a publicación dun volume que recolle a edición fascímile de dúas obras vencelladas no tempo e na temática, como son <A liña. Carbaliño-Ribadavia, 30 minutos> e <A feira do Carballiño>. Unha realidade, a da feira, que constitúe o sinal de identidade do pobo e que Fariña Jamardo recreou con beleza e mestría na súa novela.

A publicación fascímile das dúas novelas de Fariña Jamardo, que se promoven en edición non venal como se fixo no seu día con <El cisne de Vilamorta> de Emilia Pardo Bazán, inclúe un estudo introdutorio do historiador Xosé Luis Sobrado Pérez.

Na presentación da obra, actividade que se desenvolveu esta mañá no Concello do Carballiño, participaron o alcalde, Francisco Fumega, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e Xosé Luis Sobrado, do Centro de Estudos Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño. O Concello editou 1.000 exemplares da publicación e a mesma será de distribución gratuita.