A Xunta inscribirá o Monte da Abelenda, en Avión, ó rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas do monte Abelenda, situado no concello ourensán de Avión. En concreto, inscribiranse un total de 56,3 hectáreas deste monte, compostas por dúas mouteiras de carballos, cerquiños e bidueiros.

A partir de mañá, do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural de Ourense os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cabe sinalar que, na actualidade, xa existen 34 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 2 na provincia da Coruña, 13 en Lugo, 13 en Ourense e 6 en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 2.422,13 hectáreas.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.


VIDEO SPOT AVIÓN en BADAL TV