A Xunta ofrecerá formación aos equipos Covid dos centros educativos para actualizarse na xestión de casos e adaptarse ao novo protocolo estatal

Román Rodríguez valora que haxa un marco común, pero lamenta non contar coa guía de actuación definitiva do Ministerio en vésperas de reiniciar as clases

Salienta a gran implicación das familias e o excelente traballo do persoal sanitario que sitúa a Galicia líder en vacinación infantil, 20 puntos por riba da medida nacional

AVANTAR ACTIVIDADES

Reitera o compromiso da Xunta para cubrir as baixas de profesorado de xeito exprés
 

A Xunta de Galicia ofrecerá formación aos profesionais dos centros educativos implicados nos equipos covid para que poidan actualizarse na xestión de casos e adaptarse ao novo protocolo de actuación coordinado polo Goberno central. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou que con esta medida Galicia buscará seguir dando certezas á comunidade escolar no cumprimento do establecido a nivel estatal.

O titular autonómico de Educación, que hoxe foi entrevistado na Radio Galega, valorou que exista un marco coordinado en toda España sobre “que medidas temos que tomar e dar resposta aos casos e problemáticas que xorden na xestión dos casos positivos” no día a día, pero lamentou que o Ministerio de Sanidad non teña publicada a guía definitiva a pesar de que o luns comezan as clases nos diferentes niveis educativos. “Gustaríanos que houbera sido uns días antes para poder informar aos diferentes membros da comunidade educativa” e non contar con tan pouca marxe de tempo.

Na súa intervención, o conselleiro de Educación defendeu que a vacinación é a “principal ferramenta da loita conta a covid”. Neste senso, agradeceu o excelente labor de todo os profesionais sanitarios, así como a gran implicación de estudantes e familias no proceso de vacinación posibilitando que o regreso ás aulas sexa o máis normal posible. Actualmente, Galicia lidera a vacinación infantil e xa lle foi administrada a primeira dose a case o 54% da poboación entre 5 e 11 anos, 20 puntos por encima da media estatal.

Medidas preventivas vixentes

Esta guía de xestión de casos súmase ao protocolo de medidas preventivas, co que Galicia conta desde o pasado curso e que continúa vixente sen cambios (máscara, ventilación, grupos burbulla, distancia…) para ofrecer a máxima seguridade á comunidade educativa compaxinando a situación sanitaria co proceso habitual de aprendizaxe. “Estamos traballando para que o regreso ás aulas sexa o máis normal posible pese a que haberá un incremento de casos derivado das vacacións de Nadal”, sinalou o conselleiro.

No referido ao persoal docente, o representante da Xunta reiterou o compromiso do Goberno galego de que haxa unha substitución “exprés” de todas as baixas do persoal docente co fin de minimizar o impacto no proceso de aprendizaxe. Onte xa se comezaron a facer as xestións para cubrir máis de 200 baixas e as que xurdan iranse cubrindo, “dun xeito inmediato”, unha vez os centros estean operativos e as carguen no sistema.

Dentro do ámbito universitario, Román Rodríguez explicou que se lle trasladou ás universidades a necesidade de establecer un modelo de repesca para que o alumnado que non poida examinarse pola situación sanitaria non perda o dereito a avaliarse.