Institucións Penais e a Xunta de Galicia asinan un convenio para mellorar a atención sanitaria nos centros penais da comunidade

O secretario xeral de Institucións Penais, Anxo Luís Ortiz, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron esta mañá un convenio que servirá para mellorar a atención sanitaria ás máis de 2800 persoas privadas de liberdade en centros penais galegos.

A rúbrica tivo lugar no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde visitaron tamén a Unidade de Acceso Restrinxido para os internos que necesitan atención especializada. Na súa intervención, o secretario xeral de Institucións Penais manifestou que o acordo “é un exemplo da boa colaboración e coordinación entre administracións”.

Con este convenio, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia comprométese a dar acceso telemático ás historias clínicas informatizadas dos internos que figuran no servizo galego de saúde e facilitar a implementación da telemedicina. Esta prestación permitirá a realización de consultas a distancia dalgunhas especialidades.

Publicidade Premer na Imaxe

Ademais, a Consellería de Sanidade incluirá nas súas actividades formativas ao persoal sanitario de Institucións Penais e ofertaralle formación continuada nos hospitais de referencia.

A Xunta de Galicia é, tras o Gobierno de Aragón, a segunda en asinar un acordo destas características, aínda que existen colaboracións en materia de telemedicina e interoperabilidade da historia clínica dixital con outras comunidades autónomas. A Subdirección Xeral de Sanidade Penal traballa, ademais, nun convenio similar con gobernos como o de Castela-A Mancha.

No acto tamén estiveron presentes a subdirectora xeral de Sanidade de Institucións Penais, Carmen Martínez, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, o director do Centro Penal de Ourense, Francisco González, e o xefe do Servizo Médico do Centro Penal de Ourense, Luís García.

Por parte da Xunta de Galicia asistiron o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e o xerente da área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial Bernárdez.