O PSOE de Punxín pide solucións inmediatas ó peche da aula de espera do colexio

O PSdeG-PSOE de Punxín levará ao vindeiro pleno municipal o peche da aula de espera do colexio do municipio. As socialistas instan ao goberno local a realizar tódalas xestións pertinentes para a “inmediata” posta en funcionamento da aula de espera do centro, así como garantir que tanto o que resta deste curso, como o próximo curso 2022-2023 se dispoña deste servizo. Denuncian que o peche da aula de espera está causando un “grave prexuízo” ás familias que facían uso dela, ben de forma permanente ou con carácter temporal.

Para o Grupo Municipal Socialista de Punxín “é inadmisible” que se proceda o peche deste servizo, “sen previo aviso”, tanto ás familias como ao persoal do centro de ensinanza, e unha vez que o Concello renunciou a unha subvención da Deputación Provincial de Ourense para manter operativo o mesmo. Consideran que esta decisión “se tomou de forma repentina e sen analizar as consecuencias que isto suporá tanto para os nenos e nenas de Punxín, como para os pais e nais, que se ven prexudicados pola falta de conciliación dun servizo que permitía ata hai pouco que puidesen deixar os cativos no colexio antes da hora de inicio da xornada lectiva”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, salienta que “pediremos explicacións polo peche da aula de espera e tamén queremos que o goberno municipal nos aclare cal foi o motivo polo que renunciaron a unha subvención da Deputación para dar cobertura a este servizo que agora se procede a non prestar”. Tal e como indica a edil socialista “o 26 de marzo de 2021 aprobouse unha subvención nominativa para o noso Concello por importe de 7.110 euros para o servizo de conciliación familiar – aulas de espera, pero posteriormente o alcalde de Punxín solicitou o cambio de finalidade de dita subvención para a realización do peche da área termal do Bañiño”.

Para Peleteiro está actuación supón que “unha vez máis o grupo de goberno do Partido Popular e o concelleiro non adscrito realizan unha pésima xestión dos recursos e conseguen o peche doutro servizo no noso municipio”. Tal e como relata este peche “pon en risco a continuidade da propia escola, algo que as socialistas non imos a consentir”. Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Socialista de Punxín esixen “solucións inmediatas” e a “reposición con carácter de urxencia de dito servizo”.