Moción de Espazo Común na que amosan a preocupación pola Residencia Irmáns Prieto

O Grupo Municipal de Espazo Común vai levar unha moción ao vindeiro pleno da corporación para que se aclare a situación do Residencia das Irmáns dos Anciáns Desamparados do Carballiño, o Asilo de toda a vida.

Como o seu propio nome indica e é ben sabido na nosa vila, esta entidade sen ánimo de lucro que está a piques de cumprir un século de historia, foi creada grazas ao legado dos irmáns Prieto, cun obxectivo moi claro: axudar aos máis desvalidos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así foi durante décadas pero algo mudou nestes últimos anos. Así atopámonos coa privatización da cociña e da lavandería, coa chegada dunha xerencia externa, cun incomprensible baile de congregacións de relixiosas e, sobre todo, coa imposición de criterios mercantilistas que en nada observan o espírito que os Prieto quixeron establecer.

Espazo Común leva máis dun ano preguntando pleno tras pleno ao alcalde Fumega por unha situación da que ten que ser cómplice necesario, pois é un dos tres membros do Patronato que dirixe a Fundación. Coma é habitual, o proceder dun sempre opaco Fumega que nunca dí que non pero que tampouco conta nunca a verdade, leva a que, ante as últimas e preocupantes novas e a falla de explicacións, teñamos que levar este asunto a pleno.

Alí, vía moción, tentaremos que a cidadanía do Carballiño poida saber de certo que é o que está a pasar no Asilo e coa súa xestión e, por riba de todo, tentaremos que se garanta a súa continuidade como entidade de axuda aos máis desfavorecidos e que non remate convertido nun negocio para uns poucos.