Ourense: Sen obxectivos nin proxectos

Manuel Herminio Iglesias


Uns días antes dos reis, despois de facer balance do ano, márcanse  os obxectivos e proxectos para o novo tempo  que comeza. Os rapaces escriben  nun papel o que lle piden  ós magos  e, dunha maneira ou doutra, todos facemos unha lista de obxectivos que van   dende o persoal ate o familiar e que marcan o camiño a seguir.

AVANTAR ACTIVIDADES

Pois ben, sabido é que Ourense, tanto na cidade como a nivel provincial, pechou un ano escuro e falto de ilusións. Un ano deses que é mellor esquecer. Vamos,  como se non existise. E non foi todo o mal derivado da Pandemia. Polo que,  a  deriva ourensá na que estamos dende hai anos,  soamente nos leva a manter un dito moi popular: que indica conformidade:  que lle imos facer, é o que hai.  O ano 2021, salvando a chegada do AVE,  somente trouxo anuncios; ou sexa:  fogos de artificio, mais ningún proxecto salientable que animara esta decaída provincia. E no caso do Concello soamente hai  desleixo e plenos de esperpento onde nada serio de utilidade se fai pra a veciñanza. Polo que a carta  a quen corresponda, faise  moi necesaria. Aínda que é  posible que de nada valga pero, por mandarlla que non quede.

En primeiro lugar, pediríalle  ós gobernantes do Concello,  ó alcalde e tamén ós que o apoian, que tivesen  altura de miras para afrontar os graves problemas da cidade. E especialmente ó  alcalde  un pouco máis  de xuízo, pois o desatino que hai na casa de todos  cada día é mais patente. 

En segundo lugar pediríalle o presidente provincial que deixe de vender fume con anuncios que soamente traen titulares de prensa e que nada aportan pra mellorar a situación desta provincia. Presentar como un grande avance e mellora facer un anagrama polo cumprimento de douscentos anos do ente que preside,  é como tirar un foguete ó vento  cando non hai festa.

En terceiro lugar a todos ises oito  deputados ourensás que lle dan apoio ás políticas de Feijoo na Xunta, pedirlle que fagan propostas positivas e reivindicativas  para sacar a esta provincia do buraco no que está. Alguén escoitou unha proposta pra que a Xunta lle dea uso  os terreos do  Val da Rabeda pra aumentar o chan industrial hoxe tan escaso? Non.

E ós que están en  Madrid que falen das necesidades desta provincia. Pois nin estación digna, nin os trens de media distancia funcionan como deberan, nin melloras para o despoboamento do rural, nada de nada.  Ás veces, dá a sensación de que non hai deputados nesta provincia e que nada aportan para a mesma.

En cuarto lugar ós deputados que apoian o goberno do Sr. Sánchez lembrarlles  os compromisos que colleu na investidura con esta terra e que se escoiten no Congreso as reivindicacións desta provincia de interior que esmorece día tras día.

En quinto lugar, non podo deixar de pedirlle ós deputados da oposición en Compostela que, como os oito deputados populares están alí como momias e nada serio e salientable pra esta provincia reclaman, que sexan eles os que tomen a iniciativa e fagan propostas. Pois estar no Parlamento pra dicir que todo está mal, non é suficiente. Fagan propostas serias e razoadas e todos sairemos gañando.

Por último, quixera pedirlle  as forzas vivas, CEO, e demais organizacións que non se durman nos loureiros;  que poñan riba da mesa  as reivindicacións do seu ramo diante os concelleiros e o presidente da Xunta  pra que  saían a luz,   pois todo o que non está na mesa da política endexamais será realidade.

En fin, Ourense non pode camiñar un ano máis sen obxectivos nin metas que lle poñan fin ó deterioro desta provincia que morre ano tras ano; e faino  diante a pasividade dos que son os nosos representantes públicos; diante  uns gobernantes que soamente están pra quentar o escano.

Espero que a quen corresponda,  tome  boa nota  do exposto; seguro que os  ourensás agradeceranllo.  


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

e Ourense, existe?

O Nadal da Saudade

Unha area no zapato

Serrat e os cantautores

As incertezas na aldea global

Ourense, por riba das ideoloxías

O importante é a pasta

Sos Ourense!!!

Ourense cara un ermo cultural

Vandalismo, botellóns e desleixo

Na procura da felicidade

Dúas maneiras de actuar na política

Tinte galeguista

Abrindo un novo camiño

Lembrades a democracia organica?

Actuar en manada

Os refráns na política

As miserias na política

De xeonllos e pedindo perdón

Culturetas de ….

Arroutadas