Marina Ortega do grupo socialista presenta unha batería de propostas para blindar ás residencias de maiores diante da nova variante da covid

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias con propostas para blindar ás residencias de maiores diante da incidencia da nova variante da covid. Ortega alertou da incidencia preocupante dos contaxios entre residentes e persoal, sinaladamente en Bembrive –Vigo-, con máis dun cento de afectados, ou en Raiola O Hórreo –Santiago-.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “habilite o mecanismo preciso para blindar ao persoal das residencias”, tal e como sinala a normativa, garantindo ademais a cobertura da totalidade das baixas previstas debido ao incremento de contaxio por covid. Sinala que os residentes non se poden permitir que a súa atención estea en risco pola ameaza de colapso laboral provocado polas baixas do persoal por mor dos contaxios ou corentenas.

O Grupo Socialista reclama “PCR a usuarios e persoal” destes centros “cando se teña a mínima sospeita dalgún caso de covid”, e reivindicou xeneralizar estas probas ao persoal de nova incorporación ou ao seu regreso das vacacións, así como probas periódicas tanto para residentes como persoal dos centros.

Publicidade Premer na Imaxe

Marina Ortega reclámalle ao goberno galego que clarifique “se a Xunta de Galicia suspendeu ou non as probas diagnósticas PCR de covid en decembro de 2021”, sinaladamente para estes traballadores que se incorporaban logo das vacacións e para as novas incorporacións.

Alerta da urxencia dun protocolo inmediato para estes centros, sinaladamente polo risco de casos graves para persoas con patoloxías previas. Chama a non baixar a garda malia á menor gravidade dos contaxios debido ás vacinas habillitadas pola partida de máis de 1.000 millóns de euros habilitada polo Ministerio de Sanidade para cada exercicio orzamentario.

Ademais, a parlamentaria socialista sinala que “é urxente que o Goberno galego volva facer públicos, na páxina oficial da Xunta, o número de contaxios e falecementos por Covid nos centros de atención residencial”. Reclama “coñecer a realidade por parte da cidadanía, así como do propio sector”, e saber “se existen casos graves ou falecementos nestes centros con diagnóstico en Covid, tanto dos residentes como do persoal laboral de ditos centros”.