A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Publicidade ASPADISI

Por Felipe-Senén

 Na tardiña daquela primeira e longa xornada do 7 de xullo do 1926, dende Ourense,  Risco, Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sánchez e Xavier Pardo Bedía, seguen a súa peregrinación. Saben que no día seguinte xuntaranse con Monxardín e Cuevillas en Silleda.  Así é que, xa dando as nove da tardiña no reloxo de longa historia do Concello,  entran no “Maside Novo”, como non podía ser doutro xeito reparan no seu cruceiro policromado, protexido por un enreixado… Nada din da torre do reloxo, nin das curiosas casas con pendello que bordean a estrada, nin do pazo das Condomas. Da poderosa casa dos Ulloa que tamén asoma ao camiño, nin de Amarante…. Anoitece ao paso por Dacón,  senten que as luces da beirarrúa semellan un silenciosa Santa Compaña…o lugar préstase a moita historia, Otero di que destes veciños sábese en todo o mundo e “sobre todo nos bancos”. Aínda fai calor e a xente séntase á fresca nos bancos das portas. Pasan “por diante dun edificio que ten trazas de casino, onde uns señores dan tacadas nunha mesa de billar. Sae un crego con outros señores á porta e fítannos con interese”. Pola Fontela apuran o paso e … entran no Carballiño. Conta Risco que son as 10,25 e onde primeiro van é a fonda da Bolera, na praza de Agustín Retortillo, na que entrados os anos dará un discurso o mesmo Risco e Chamoso bautizándoa  entón co nome de Emilia Pardo Bazán. A Lola “a Bolera” era a segunda esposa de Antonio Soto, o da ferraxería “As Colonias”, casa da que habería moito que falar e do seu galeguismo tamén.

HIPER MASIDE
Pensión Bolera (izd). Rúa Maior, Pz. Retortillo 1960 foto F. López

Seguro que fonda ben coñecida por aqueles camiñantes, pero alí non atopan sitio e entón, dinnos que irán á Casa de Carlos, hotel entón de sona e grande,  onde novamente a Garda Civil  volve a interrogalos, nesta o interlocutor é o corpulento don Ramón que xa por si impón respecto.

Hotel Carlos (izd). 1920 Col.f, F.Senén

Todos quedan satisfeitos. Aquí tópanse co periodista, avogado  e grande accionista do Hotel da Toxa, o vigués  e amante do Ribeiro e das terras carballiñesas, Jaime Sola, director de “Vida Gallega”. Anotan que un xornalista failles unha entrevista.

Cedo, ás seis trinta  da mañá botan ao lombo os bornais, non sen antes cargar nos petos unhas presas de cereixas que lles dan. Mañanciña fresca aquela, de ceo escampado e aínda de soidade polas rúas, si acaso algún veciño vai a misa…..  O texto de Risco di que pasando polo Campo da feira, cara ao Irixo, ollan a unha e outra banda casas novas, “moi influídas polo estilo moderno, sen pretensións…” recolle  ademais que pasan por diante da tenda  “de Anta”  . O momento sérvelle ao escritor pra metáforas ao estilo Otero Pedrayo.

 Aínda que non o din  supoñemos que pasan a Ponte Veiga e que na banda dereita deixan o serradoiro do Arenteiro, máis adiante a lagoa de Veiga, resto mineiro antigo, entre outros…  pero nada  nos din.  Risco di que comendo aquelas cereixas, baixo un ceo mañanceiro, “…rubindo e rubindo en varias voltas, até que entran nun atallo de piñeiros e carballos chegamos ao o Pazo de Madarnás…” e  dinte do portalón e baixo un gran carballo volven ao  cotián ritual do  almorzo, o de rillar unha onza de chocolate….Contan que por diante pasa un coche que pon Campinas e  logo outro que pon “ O Noso” …  ben coñecidas empresas carballiñesas de transporte de “feiras festas e romarías”. Os peregrinos analizan o escudo da porta, con armas dos Temes e Salgado, entran e visitan o pazo, do que era propietario e  último fidalgo, Florentino Temes. Espazos en abandono inicial: capela, dúas solainas…Do interior chámaslle a atención a calidade da carpintería das lacenas e da cama, adornadas con eses motivos astrais, rosáceas, que tamén se ven nas cangas das vacas…sacan fotos.  Visitan a igrexa de Madarnás e Risco párase a facer fotos dos horizontes. Sen comentalo pasan o alto da Medela, á altura da Madanela, monte ben coñecido de Otero Pedrayo por telo nos horizontes da súa Trasalba…. Mal saberían os viaxeiros que hoxe, aquí, nas abas da Esgueva – onde vellos camiños parten cara a Astureses, próxima a túmulos megalíticos  e por iniciativa do poeta Luis  González Tosar, en terreos seus e nun dos seus “locus amoenus”- está o que agora chaman a Insua dos Poetas,  paisaxe a devalar entre esculturas, homenaxes ás letras e á creatividade, á interacción das artes.

Rúa Maior, 1920 . Col.f. F.Senén

Pasan a Ponte Pedriña….  Refírense ao Castro Pedrido ou de Corneda, parroquia coa súa  poderosa igrexa barroca. Coido que deberan deixar constancia de lugar tan sobranceiro: da vella reitoral, a que vimos esmorecer nos derradeiros anos, cunha solaina fermosísima. Por outra banda encrucillada cara a Xurenzás e Xuvencos…. Risco seguía a tomar fotografías dese pentagrama de montes que rodean a zona.

Seguen a súa andaina, pasan polo Coucieiro e chegan a Dadín. Son as 11, e coma sempre diríxense a aquela súa igrexa na que manda o  estilo Barroco. Dan unha volta polo adro, miran as  sepulturas, algunhas  con esas rosáceas e símbolos astrais tan representativos da arte tradicional galega… Risco, tan atraído por estas representacións “orientais” e a arte funeraria, repara nunha campa que di “Florinda de Juana”.  Houbo sorte, o templo está aberto: o altar maior de modernismo oxival, presidido polo San Pedro e nun lateral un altar churrigueresco… Mal saberían eles que décadas despois Xesús Saavedra, o escultor dos Apóstolos do arco parabólico da Veracruz do Carballiño, deixaría en moitas tumbas deste mesmo camposanto, algunhas esculturas da súa autoría.

Arredor dunha caravilla, magnífica obra de ferreiro,  nunha porta do Irixo

Seguen o camiño, reparan e detéñense a carón nun portalón que mostra unha atractiva caravilla-petador, xorden comentarios que si lembra a algo exipcio, como unha momia … Risco enxerga e conclúe que representa, estilizada a figura dun paisano con chaleco e monteira… tíranlle fotos coa ansia de pasarllas a Bouza Brey que anda a recoller estas mostras do bo facer na forxa tradicional. Direi que sobre este feito da caravilla do Irixo e os de “Nós” teño escoitado noticias do coñecido avogado e amigo carballiñés, Alfonso Garcia, o que comentaba que aqueles “sabidos” ourensáns que se pararan demais nunha obra feita, pouco antes da súa visita, por un ferreiro que os de alí ben coñecían, pero eles deixaron falar a tan exóticos camiñantes , que deixaron ir sen contarlle a verdadeira historia.

 Son horas do xantar, os peregrinos cruzan  a ponte sobre o Viñao, a que ten unha figura na doela do arco central. E mesmo alí atopan o que buscan: un mesón e un zapateiro que lle goberna as botas ao Feixoo, xunto cunha acaída mesa na que ben camparon os pratos de lacón cocido, guiso con ovos duros… e coma sempre a sobremesa  de queixo, café e  pra pechar un dedal de augardente. Diso do xantar da boa conta o cronista. Tampouco faltara despois unha sesta. Ben saben o que queda despois: subir á Cruz da Grade, deixar o Foxo do Cabrito, a Pena Negra e encamiñarse cara Silleda.

A serra impoñíalles respecto aos camiñantes, tiñan que acometela na hora en que a raxeira amaine e o sol se desfaga en dourados para “enfrentarnos coas fortes emocións que sentiriamos ao toparnos coa natureza de fermosura algo salvaxe, e que semellaba, ao deixar o Irixo abrirnos os brazos para nos acoller no seu seo”. Nesta atopan unha casa do 1777. No horizonte esta o Testeiro, o Faro de Avión… Cordal no que toman nota ata de sete mámoas e dalgún castro… Pasadas as cinco pasan pola Ermida do Fondo,  capela con pendello, esta é a derradeira aldea do Irixo e da provincia de Ourense… están xa na provincia de Pontevedra. Lugares solitarios que se daquela non deron emigrantes pras américas, daríanas logo pra Europa, como arriscados traballadores pros longos túneles do ferrocarril Zamora-Coruña, vidas despois torturadas pola silicose. Proxecto e obras  moi custosas, de gran calidade, pensadas para un futuro que non foi, que é o de hoxe, de abandono, solapadas pola rectilínea do Ave.

Carballiño dende o Regueiro, camiño de Señorín 1920. Col.f. F.Senén

Xa se avista o Pico Sagro, alí esperan os mozos do Seminario de Estudos galegos

Están preto do corazón xeográfico da Galiza de hoxe, a cabalo das catro provincias… o Faro nos horizontes. Pasan por unha ferrería e non lonxe do Castro Maior de Lalín, no Espiño están a 880 metros de altura, á esquerda queda o monte Candán… o luscofusco bótase encima. Apuran o paso por Castiñeiras, aldea da parroquia de Lebozán,  por a Saborida e Dodeirón e…. pasadas as nove están ás portas de Lalín, en Vilatuxe…Entran así no Trasdeza, pasando polo campo da feira dos Carballiños… Seguro que sabían das andanzas por alí, décadas atrás, de Pepa Loba….. Xa manda a noite e con ela as sombras, a soidade, ouvean os cans…os peregrinos falan  de “trasgos e meigas e ánimas doutro mundo…” uns retrásanse, outros adiantan o paso…tarda en ollarse Silleda. Risco comenta que no camiño coinciden “cun home cunha burra, é un fogueteiro vello que leva diante abrazadas tres ducias de bombas, coas canas tesas pra arriba, en feixe, como se levara unha bandeira…” En Silleda todo está pechado, non hai onde pousar…. axúdaos agora un arrieiro de odres de viño, xa motorizado, lévaos ata Trabazo, e aséntalles “eu non sei que son, pero sexan quen sexan,  seguro que máis ladróns ca min non son”. Atopoulle sitio onde xantar cos arrieiros e mesmo durmir aínda que fose aparellados… Polo demais a incerteza e a canseira fixo que non espertaran ate case mediodía daquel sábado, o penúltimo día da peregrinación… Contan que se quedaron a xantar alí mesmo, no “comedor de respeito”, un deses cuartos dedicados nas boas casas do rural galego a festas e defuncións, cun reloxo de parede. Contan que presidía a mesa “unha señorita de faciana enérxica, un pouco vella, de ollos craros, fermosos dentes, bo colore, cabelo cortado a garçonne, collar de doas brancas e negras e ideoloxía de moda ou de U. P…”. Prudente descrición que se para no límite do colar.. Pola curiosidade deducen que é  natural de Toral de los Vados e mestra preto de Silleda. Parece ser que a conversa foi interesante, propia dos nosos días, sobre o tema da muller española, o matrimonio por amor… E como non despois do xantar a tradicional sesta. E alí, en Silleda esperaron polo Cuevillas e o Monxardín que saían de Ourense no Castromil, ao encontro dos seus amigos…Dende entón ata hoxe moito teñen dado as terras do Deza á histroia de Galiza: o aviador Loriga, o astrónomo Aller Ulloa, os pintores Colmeiro de Margaride, Laxeiro de Don Ramiro, Sucasas….

No fondo xa se vía o Pico Sagro e quedaba por ver Carboeiro…símbolos nesta peregrinación. Naquel altar do que foi o sagrado monte Ilicino esperábanos, abaneando a bandeira galega, estudantes e intelectuais do Seminario de Estudos Galegos…eles, ao velos, dende lonxe atan panos brancos a paus e abanéanos….o texto de Risco remata dicindo que entre a emoción e o calor “o corazón semellaba que chegaba á gorxa”. Xa no Altar das lendas de Lupa, Risco oficiou de druída e ergueu o ceo un Cáliz que dicían de Fe e de Ideal, de Espírito.

Un ano despois daquela peregrinación a Compostela, o 4 de Xullo do 1927 a cerna de “Nós” argalla e fai o camiño de Ourense ao San Andrés de Teixido. A obra do arqueólogo Federico Manciñeira (1870-1043) sobre aquel enigmático santuario – chantado no setentrión de Galiza, nos acantilados da serra da Capelada – estaba fresca entre os intelectuais. E aquel sentimento de poñer os pes na Terra que se espallou e caracterizou ao Seminario de Estudos Galegos, non prescribe, pois na actualidade sobre aquelas “peregrinatios” fixéronse novas versións televisivas e literarias: argumentos non faltan, o camiño nunca acaba, acaba o camiñante que é quen o interpreta.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño