Un tiro no pé

Xosé Carballido Presas

Presidente Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo

AVANTAR ACTIVIDADES

Respecto das polémicas declaracións dun ministro na súa singular campaña contra o consumo de carne, se queren saber a miña opinión, contestarei cun rotundo e galaico  «depende». Coa miña teima de “máis pastos e menos pensos concentrados” e a defensa da base territorial ligada as explotacións que levo tantos anos predicando, non podo por menos que apoiar ao Sr. Garzón na súa oposición ás macro-granxas. Este apoio creo que é compartido por unha grande parte das explotacións galegas que, por certo, levan anos adaptándose ás ultra-esixencias en materia de control zoosanitario e fitosanitario, nutrición e benestar animal e redución e xestión de residuos.

Claro que hai excepcións que haberá que vixiar, perseguir e combater, non sei incluso si desde o seu propio Ministerio,  pois ignoro as súas competencias desde que fora sorprendentemente desligado de Sanidade. Pero creo que erra poñendo o foco nas explotacións de vacún “the huge impact that eating meat – particularly beef xa que a problemática máis preocupante, ao meu entender, está na produción intensiva en porcino e incluso aviar. De bovino, en Galicia, nin temos macro-granxas nin se lles espera.

Na ampla entrevista publicada no The Guardian fai unha desafortunada afirmación que, como era de esperar, rapidamente foi aproveitado pola oposición máis xenuinamente «española» : “… o que non son para nada sostibles son estas chamadas macro-granxas … Atopan unha aldea nun anaco despoboado de España e poñen 4.000, ou 5.000 ou 10.000 cabezas de gando. Contaminan o chan, contaminan a auga e despois exportan esta carne de mala calidade destes animais maltratados”.

Nunca esperaría a última frase en boca dun ministro español a un periódico estranxeiro, pero aí apareceu e, a data de hoxe, segue sen estar corrixida: “They pollute the soil, they pollute the water and then they export this poor quality meat from these ill-treated animals” (sic)

Ata onde eu sei, o estado español non exporta carne de mala calidade de animais maltratados nin a Unión Europea nin a países terceiros. Cumpre estritamente a normativa de importación-exportación de produtos cárnicos que establece a Dirección Xeral de Sanidade e Protección dos Consumidores da Comisión Europea. Pode haber excepcións que burlan os controis, pero a excepción non é norma. Por iso, que un alto representante do goberno diga isto, pode ser un tiro no pé a todo un sector que leva investido millóns de euros para adaptarse á macro-esixente normativa comunitaria.

Claro que si a intención do Sr. Garzón era poñer enriba da mesa o debate das macro-granxas, espertar conciencias e alporizar ás dereitas, o obxectivo foi conseguido. Nese caso, haberá que darlle os parabéns ao señor ministro. Xa ven, aínda co pé dolorido, todo depende.


Curriculum de Xosé Carballido

Enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias, Hortofruticultura e Xardinería pola Universidade de Santiago

Máster en Viticultura e Enoloxía

Ex-director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Xunta de Galicia

Ex-director xeral de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense

Ex-director xeral de Rehabilitación Urbana do concello de Ourense

Presidente da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo

—————————————————————————————————

Outros artigos de Xosé Carballido

A etiqueta tamén importa.

O Movemento Veciñal e a Cultura

Tempo de vendima

O Gran Balneario de Ourense

A tarifa eléctrica

Terra agraria, a lei como instrumento”

O Rural si, pero…

Recuperar o Rural

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser