O BNG interésase no Parlamento pola nova sede da Xunta en Ourense e polos usos que se lle darán ás vellas instalacións

Faino a través dunha iniciativa rexistrada no Pazo do Hórreo e onde os nacionalistas queren coñecer os pormenores da operación de adquisición de parcelas na zona das Lagoas e os plans do Executivo galego para o edificio ocupado actualmente polo PAC

O Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo e a través do deputado por Ourense Iago Tabarés, ven de rexistrar unha iniciativa relativa ao recente anuncio da Xunta de adquirir parcelas na zona das Lagoas para a construción do edificio no que unificar as dependencias da Xunta de Galiza na cidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Lembran desde o BNG que desde finais do século pasado “existe a constancia xeralizada da necesidade de dotar á cidade de Ourense dun edificio administrativo no que albergar a totalidade das dependencias da Xunta, hoxe esparexidas por múltiples sitios da cidade, en ocasións en deficiente estado de conservación e para a saúde laboral das traballadoras, dificultando, asemade, o aceso da cidadanía ás mesmas”.

Para o deputado Iago Tabarés “a necesidade do edificio administrativo demandado pola cidadanía ourensá en xeral e polo BNG en particular, foi prometido en diferentes ocasións”, ao que engade, “Feijóo no ano 2018 comunicou que o goberno galego ía dotar a Ourense dun edificio singular para albergar todos os servizos administrativos, manifestado a existencia de dotación orzamentaria a tal fin”.

Xa no ano 2019 Feijóo reitera o anuncio, concretando en 20 millóns de euros o custe da edificación pero descoñecéndose a existencia de proxecto ou anteproxecto, nin o lugar no que se ubicaría a infraestrutura administrativa.

Para Tabarés, non deixa de ser significativo que “nos orzamentos para o ano 2021 se incluíse unha partida de 2 millóns de euros para a reforma do edificio da rúa Concello que actualmente alberga o PAC para destinalo ás dependencias da Xunta sen que conste a realización de xestións ou tramitación algunha que xustifique a razón do desestimento do proxecto orzamentado”.

A ollos dos nacionalistas, resulta curioso que agora, a Xunta de Galiza, anuncie a adquisición, por un importe de 8,47 millóns de euros, de varias parcelas no barrio das Lagoas para a construción do referido edificio administrativo.

Tampouco consta que se informara ao Concello de Ourense do lugar no que se pretendía construír a infraestrutura, nin que se recadara o seu parecer ao respecto, algo que, segundo o deputado Tabarés “podería parecer lóxico dadas as competencias da entidade local sobre o deseño e desenvolvemento urbanístico da cidade”.

No BNG e ante a situación xerada, queren coñecer se se elaborou algún proxecto ou anteproxecto técnico para a reforma do inmoble do PAC da rúa Concello e a súa adaptación para albergar as dependencias administrativas da Xunta de Galiza.

Tamén queren coñecer cales foron as razóns polas que se desistiu do proxecto, que contaba xa con dotación orzamentaria, así como cales foron as actuacións que se realizaron para escoller as parcelas das Lagoas e se o concello foi informado ou mesmo participou na determinación do lugar no que a Xunta de Galiza anuncia a construción do edificio administrativo.