O Psedg pide unha comisión do pepou “independente” e sen “inxerencias”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Ourense participou, no día de hoxe, na comisión do PEPOU convocada polo Concello de Ourense, na que deixou clara a súa postura na que pide unha comisión “totalmente independente” e sen “inxerencias” de ningún tipo. Os socialistas avogan por unha comisión na que se debata e se opte polo consenso político co único obxectivo de sacar adiante o PEPOU para que a cidade poida avanzar “dunha vez por todas”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Grupo Municipal Socialista tamén anuncia que “non permitiremos que se siga optando por frivolidades e xogando co futuro urbanístico de Ourense, nin consentiremos que Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome sigan lanzando falsas promesas ou ocorrencias das que o Concello de Ourense, os técnicos municipais e a corporación teñen a última palabra”. Os socialistas solicitan tamén a axilización, por parte do goberno municipal, da contratación da cartografía, actualmente paralizada, documento imprescindible para seguir adiante co Plan Especial.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense anuncian que trasladarán unha proposta á comisión do PEPOU na que se definirá “cal é a nosa folla de ruta en canto aos futuros usos de edificios e zonas incluídas no ámbito deste Plan Esencial”. Os socialistas avogan porque se teña en conta as “necesidades” dun núcleo “histórico e singular” como é o Casco Vello, pero que tamén se preste atención ao “futuro e axeitado desenvolvemento urbanístico, termal e turístico da cidade”. Neste senso, os socialistas consideran “urxente” que se defina e consensúe os “futuros usos” da vella cárcere, a antiga Casa de Baños, o Xardín das Burgas, a Casa Goretti e outros edificios históricos para “acadar, desbloquear e recuperar todos estes lugares emblemáticos para Ourense e que na actualidade son presa da ruína e do abandono”.

A vicevoceira socialista no Concello de Ourense, Natalia González, subliña que “entendemos que existe unha dificultade engadida para planificar o urbanismo da cidade coa actual lexislación vixente aprobada polo goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia en canto aos aproveitamentos termais”. Neste senso, a edil socialista apunta a que esta lexislación “condicionará e limitará os futuros usos e tamén a inseguridade xurídica existente pola aínda non consolidada titularidade municipal do 100% de moitas zonas e edificacións”. Unha situación que segundo apunta “vén derivada de conflitos urbanísticos xerados pola vella política urbanística do PP en Ourense”.

Os socialistas finalizan afirmando que “temos un compromiso para seguir traballando en positivo, con rigor e responsabilidade para que este Plan Especial do Casco Histórico saia adiante dunha vez por todas e permita revitalizar e dar un pulo definitivo a este ámbito clave e estratéxico para Ourense”. Dende o PSOE ourensán tamén poñen de manifesto que “historicamente o Casco Histórico foi damnificado e espoliado por unha mala xestión urbanística que nunca respondeu ao interese público e que non ten cabida no noso modelo de cidade”.