O Psdeg-Psoe de Pereiro de Aguiar insta ao concello á substitución do parque de vehículos municipal actual por vehículos ecolóxicos e que respecten o medio ambiente

Os socialistas pídenlle ao goberno municipal que se comprometa a esta substitución de xeito “progresivo” e que se opte por vehículos eléctricos e híbridos, sen que se demore dito cambio máis de 5 anos

Para o voceiro do PSdeG-PSOE, Jorge Gutiérrez, “chegou o momento de que o Concello encabece o devandito cambio de modelo enerxético, de mobilidade e a modernización do parque de vehículos municipal”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar presenta unha moción para o vindeiro pleno municipal na que insta ao Concello á substitución do parque de vehículos municipal actual por vehículos ecolóxicos e que respecten o medio ambiente. Os socialistas pídenlle ao goberno municipal do PP que se comprometa a esta substitución de xeito “progresivo” e que se opte por vehículos eléctricos e híbridos, sen que se demore dito cambio máis de 5 anos. Instan tamén ao goberno local a que se comprometa á instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos polo municipio.

Dende o Grupo Municipal Socialista trasládanlle ao goberno municipal a “necesidade” de acadar un “compromiso” para que nas futuras compras ou alugueres de vehículos municipais, se opte polos ecolóxicos, agás naqueles vehículos, que pola súa tipoloxía, non existan en formato ecolóxico no momento da compra. Os socialistas tamén reclaman que o Concello se comprometa a “financiar” todas estas propostas ou a “procurar” financiamento das mesmas xunto con outras administracións como o Estado, a Xunta de Galicia ou a Deputación de Ourense.

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar lembra que o Concello, por unanimidade de tódolos grupos políticos da corporación, “adheriuse de forma voluntaria á iniciativa europea do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía”, nun pleno celebrado en novembro de 2020. En dito pleno quedou aprobado o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible de Pereiro de Aguiar (PACES), que segundo apuntan os socialistas “serviría como base para que o municipio alcance os obxectivos europeos en materia de mitigación e adaptación ao cambio climático”. Ademais, aprobouse unha nova ordenanza reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, bonificándose ata un 75 % do IVTM a aqueles vehículos de maior eficiencia enerxética e con baixas emisións de CO2 ou de cero emisións.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Pereiro de Aguiar, Jorge Gutiérrez, a situación “non mudou”, a pesares do aprobado no pleno. Tal e como relata “a totalidade da frota de vehículos municipais, que supera a vintena, utiliza combustibles derivados do petróleo, principalmente gasóleo e en menor medida gasolina”. Ante a ausencia de “cambios” o edil socialista considera que “chegou o momento de que o Concello encabece o devandito cambio de modelo enerxético, de mobilidade, modernización do parque de vehículos municipal actual e a substitución progresiva por vehículos ecolóxicos de categoría 0 ou ECO”. O obxectivo é, en palabras do concelleiro socialista, “aproveitar as vantaxes dunha maior eficiencia enerxética e que se produza un menor impacto ambiental e escasa emisións contaminantes”.

Gutiérrez avoga porque se comece a substitución polos vehículos máis antigos do parque municipal, xa que tal e como relata “son os que teñen maiores niveles de contaminación e en moitos casos maior gasto de combustible”. Unha acción que posteriormente “debería complementarse co resto de vehículos ata renovar a totalidade da frota municipal”. O voceiro dos socialistas de Pereiro de Aguiar tamén apunta a que dita renovación “acompañarase coa instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos, naqueles lugares onde se consideren máis adecuados, co fin de dar servizo aos propios vehículos municipais e fomentar o uso de vehículos deste tipo no noso municipio”.