A Xunta estudará colaborar ca posta en valor de Ricovanca, en Beariz

A Xunta de Galicia estudará posibles vías de colaboración co Concello de Beariz co obxectivo de poñer en valor e preservar unha zona do municipio coñecida como Ricovanca, localizada en Rede Natura 2000 e que alberga un conxunto arquitectónico e etnográfico de notable valor.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao rexedor ourensán, Manuel Prado, con quen mantivo unha reunión para falar de diversos proxectos de interese para o municipio.

AVANTAR ACTIVIDADES

En concreto, o alcalde trasladoulle que nos últimos anos o Goberno local realizou importantes investimentos en Ricovanca grazas aos que se logrou recuperar un muíño e a ponte centenaria que atravesa o río Verdugo ao seu paso pola aldea. O obxectivo municipal agora é acometer a restauración do lavadoiro, outro dos elementos destacados dun lugar que debe tamén á súa singularidade aos valores naturais e paisaxísticos da contorna na que se empraza.

A este respecto, a conselleira subliñou que o seu departamento ofrece desde hai anos axudas dirixidas a executar actuacións de mellora e conservación da biodiversidade en zonas incluídas na Rede Natura 2000 e que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos.

Neste sentido, lembrou que o pasado 14 de xaneiro se publicou unha nova orde bianual con este fin, dotada de 2,44 millóns de euros e dirixida a particulares, asociacións e concellos localizados nestes espazos, polo que emprazou ao alcalde a analizar se o seu proxecto para recuperar o lavadoiro de Ricovanca podería encaixar.

Así mesmo, en materia urbanística o rexedor de Beariz tamén lle trasladou o interese do concello en continuar apostando pola humanización de rúas no municipio, co fin de darlle continuidade a algún dos proxectos cofinanciados pola Xunta nos últimos anos a través do Plan Hurbe. Así, a última das actuacións na que colaboraron ambas administracións rematou en xaneiro do ano pasado e centrouse no lugar de Alvite.


VIDEO SPOT BEARIZ en BADAL TV