O Psedg destaca que a revalorización das pensións levada a cabo polo executivo de Sánchez beneficiará a máis de 106.000 pensionistas

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que co proxecto de revalorización das pensións, levado a cabo polo executivo presidido por Pedro Sánchez, beneficiaranse máis de 106.000 pensionistas da provincia nas súas diferentes modalidades: incapacidade permanente, xubilación, viuvedade, orfandade e a favor de familiares. Os socialistas destacan que gracias as reformas levadas a cabo polo PSOE producirase un aumento de 74 euros ao mes e de 1084 ao ano na pensión mínima, de 53 euros ao mes e 745 ao ano na de viuvedade e de 97 euros ao mes e 1353 ao ano na pensión media.

Os representantes socialistas no Congreso, Adolfo Pérez Abellás e Uxía Tizón; e o senador, Miguel Bautista; destacan que os obxectivos marcados polo Goberno son entre outros: “subir as pensións do presente e garantir as do futuro, protexer as pensións da mocidade, defender o Estado de benestar, garantir a senda prevista do sistema público de pensións, avanzar no diálogo social, protexer o dereito a unha pensión digna, velar por un equilibrio do sistema de pensións entre as xeracións, garantir e blindar a revalorización das pensións acorde ao IPC, pór fin á reforma das pensións do PP e dar seguridade as nosas pensións, garantindo a estabilidade do sistema público de pensións”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas ourensáns en Madrid apuntan que o Goberno do PSOE cumpre con Ourense ao aprobar unha lei para “garantir que as pensións suban de forma automática co IPC”, motivo polo que afirman que “en 2022, as pensións revalorizaranse un 2,5% conforme ao IPC de 2021. Os representantes nas Cortes Xerais indican que o executivo de Pedro Sánchez derroga o factor de sostibilidade de 2013 do PP que “ocasionaba unha perda de poder adquisitivo dos pensionistas” e tamén introduce o mecanismo de equidade interxeneracional que “garanta a sostibilidade do sistema de pensións a longo prazo, recapitalizando a hucha das pensións que baleirou o PP”.

Abellás, Tizón e Bautista tamén apuntan “aos dous modelos para abordar unha crise”, afirmando que “fronte os que quixeron acabar co sistema público de pensións (PP), o PSOE opta por acordar e garantir un sistema de pensións xusto e sostible”. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén destacan que as cifras amosan que en 2014, 2015, 2016 e 2017 as pensións só subiron un 0,25% ao ano, namentres a inflación acumulada no mesmo período foi do 3%, segundo os datos do INE, situación que provocou que “un millón e medio de xubilados sufriran risco de pobreza trala reforma das pensións do PP”.

O PSdeG-PSOE de Ourense afirma que durante os gobernos de Pedro Sánchez ademais de incrementar as pensións contributivas conforme ao IPC, “tamén subiron as pensións mínimas e as pensións non contributivas nun 3% durante os anos 2018 e 2019, polo que se incrementaron por riba do IPC como medida para combater o risco de pobreza deses pensionistas con rendas máis baixas”. Os socialistas ourensáns tamén puxeron o foco en que os pensionistas “recuperan o dereito ao mantemento do poder adquisitivo das súas pensións”, apuntan a que “non hai recuperación xusta se a revalorización das pensións implica un empobrecemento continuo dos pensionistas” e sinalan que a “implantación do mecanismo de equidade interxeneracional regulará os esforzos entre as xeracións, evitando recortes na pensión inicial, tal e como aplicaba o factor de sostibilidade”.

Para o PSOE esta revalorización “é froito do diálogo cos axentes sociais, xa que sen un diálogo sostido no tempo, non se alcanzan estes acordos”. Os socialistas lembran que a reforma errada do 2013 imposta polo PP “non foi froito de ningún acordo e realizouse contra o criterio dos mesmos axentes sociais”, motivo polo que remarcan que “se se aposta polo diálogo alcánzanse acordos, e se se producen acordos, conséguense avances e conquistas sociais para os pensionistas do noso país”.