No acto celebrado hoxe no Centro Cultural tamén recibiron os seus galardóns o vigués Alberto Ardid de Cabo e a ourensá Mar Ramón Soriano, segundo e terceiro premio. As obras galardoadas, xunto cunha selección realizada polo xurado de todos os traballos presentados ao concurso, poderán contemplarse nunha exposición
Ourense, 28 de xaneiro de 2022.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde a entrega dos premios do XVI Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense, edición que tivo como gañadora á artista coruñesa Andrea Dávila (Boiro, 1995) pola obra “Sitting piece for 2”. Un acto no que tamén recibiron os seus galardóns o vigués Alberto Ardid de Cabo, segundo premio pola obra “Nova riqueza”; e a ourensá Mar Ramón Soriano, que obtivo o terceiro premio por unha peza escultórica en cerámica titulada “Desnudo, espacio de juego”. Os artistas distinguidos recibiron un premio económico de 3.000, 2.000 e 1.000 euros, respectivamente. Tamén se entregaron dous accésits que foron para Miquel Ponce Díaz e David Fidalgo Omil.
O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, que estivo acompañado no acto polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o deputado provincial Armando Ojea, o director do centro cultural, Francisco González, e membros do xurado, expresou os seus parabéns aos premiados “nunha iniciativa xa consolidada logo de 16 edicións ofrecendo oportunidades ao talento e apoiando aos novos valores nos distintos ámbitos das artes plásticas”.
Nesta edición presentáronse un total de 507 candidaturas de artistas procedentes de 15 países: España, Portugal, Italia, México, Arxentina, Brasil, Chile, Bolivia, Cuba ou Taiwan, que obrigou a facer un importante esforzo de selección ao xurado, integrado por Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); Juan Carlos Román, artista e profesor na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Ángel Cerviño, creador e comisario de exposicións; Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense; e Rosendo Cid, creador e comisario de exposicións. Como secretario exerceu o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel.