Manuel Baltar: “Cumpro doce anos presidindo o Partido de Ourense”

O presidente provincial remarca o perfil propio da formación que preside desde 2010: “Ninguén nos gaña en ourensanismo, ninguén nos gaña en coherencia”.

· Define ao PP como un partido galeguista, feminista, innovador, estable e cun “gran equipo”

AVANTAR ACTIVIDADES

· Destaca o nivel do congreso provincial que gañou en setembro do 2021: “Foi unha exhibición de apoio a nivel nacional que non se viu en ningún outro territorio”

· Pon o foco nas municipais do 2023, co Plan 2127 -a altitude de Pena Trevinca- e a meta de superar o récord de 71 alcaldías para o PP

Manuel Baltar cumpre hoxe, 30 de xaneiro, doce anos á fronte do PP de Ourense. “O máis importante é que presido o Partido de Ourense. Esta é a circunscrición electoral de toda España con máis apoio electoral a unha formación. E por iso este é o partido de todos os ourensáns e eu cumpro doce anos presidindo o partido que gañou todas as eleccións celebradas en Ourense desde a Transición. Todas”.

A etapa de Manuel Baltar na presidencia do PP de Ourense arrincou o 30 de xaneiro de 2010 no congreso provincial celebrado no Paco Paz. “Presido o Partido de Ourense despois de gañar catro congresos provinciais: en 2010, cun 60% de apoio; en 2013, cun 90%; en 2016, cun 95% e 2021, co 99,24% de apoio da militancia, expresado a través do voto dos compromisarios”. O presidente provincial remarca o nivel do congreso celebrado o pasado 26 de setembro: “Foi, sen dúbida, o mellor dos celebrados en España a nivel provincial, coa asistencia dos máximos dirixentes do partido”. Baltar lembra a presenza de altos cargos como o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea; o vicesecretario xeral de Política Territorial, Antonio González Terol; o secretario nacional de Política Provincial e presidente da Deputación de Almería, Javier Aureliano García; os alcaldes de Zaragoza (Jorge Azcón, tamén portavoz do PP na FEMP), Alacante (Luís Barcala), Estepona (José María García Urbano, o máis votado de España e vicepresidente da FEMP); as alcaldesas de Santander (Gema Igual), Teruel (Emma Buj) ou Pozuelo (Susana Pérez). Ao congreso provincial de Ourense do 2021 tamén asistiu o presidente da Región de Murcia (Fernando López Miras) ou os presidentes das deputacións de Alacante (Carlos Mazón, agora líder do PP na Comunidade de Valencia), Segovia (Angel de Vicente) ou Valladolid (Conrado Íscar). “Unha exhibición de apoio a nivel nacional que non se viu en ningún outro territorio”, resolve o líder provincial popular.

Os MOTORES DO PARTIDO: OURENSE, GALEGUISMO, FEMINISMO, INNOVACIÓN, ESTABILIDADE E EQUIPO.

“Este é o Partido de Ourense. E ten unha ideoloxía clara”, lembra Manuel Baltar, que define á formación que preside como un partido “centrista e reformista. Pero sobre todo é un partido galeguista. E sendo galeguista é ourensanista, porque Galicia non se entende sen Ourense”. Nesta liña, o presidente provincial lembra que “por iso temos na nosa estrutura -e non o ten ningún outro partido a nivel provincial en Galicia- unha área de pensamento e estudos galeguistas. Foi en Ourense onde se creou e configurou o pensamento político galeguista da man da Xeración Nós”.

Entre os motores do PP de Ourense destaca o feminismo: “Estamos a falar dun partido feminino, non existe ningún outro partido en España cuxa maioría de membros do comité executivo sexan mulleres. Ese é o PP de Ourense desde 2016. Dos 105 compoñentes do comité executivo, 53 son mulleres e 52 homes. Esta maioría tamén queda reflectida no comité de dirección do partido”. Un partido que é, remarca, un equipo: “Estou acompañado dun gran equipo de homes e mulleres. Teño que resaltar o papel de Rosendo Fernández, o secretario xeral que máis tempo estivo no PP de Ourense, cargo no que agora está Ana Villarino”.

Ademais do traballo en equipo, o presidente provincial tamén sitúa á innovación como eixo: “Este é un partido absolutamente innovador, posto como referencia en calquera foro, tanto dentro do PP como a nivel doutras formacións. Porque somos un partido esponxa, recollendo calquera formulación ou proposta que calquera nos pode facer chegar. Por iso foi o primeiro partido que activou unha área de Transparencia a nivel nacional”.

A estabilidade política do PP de Ourense é un activo a todos os niveis. “Teño a satisfacción de ser elixido por primeira vez para estar na xunta directiva da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) -destaca Manuel Baltar-. Un ourensán, tanto no mandato anterior con Mariano Rajoy como presidente do partido, como no actual, con Pablo Casado. Son o único dos dez representantes do PP na xunta de goberno da FEMP que segue desde a 2015-2019. Por iso estou moi agradecido ao partido por esta mostra de confianza e por crer que eu levo a voz dos municipios pequenos de España”. Ademais, completa o presidente provincial popular, “grazas á estabilidade política desta provincia, o Partido Demócrata convidoume en 2016 á convención americana en Philadelphia que apoiou a Hillary Clinton como candidata á presidencia dos EEUU. Unha experiencia sumamente enriquecedora”.

O SEGUNDO PRESIDENTE CON MÁIS ANOS Á fronte DO PP DE OURENSE: “CADA DÍA É UN NOVO DÍA. MOTÍVAME O SEGUINTE”.

Nestes 12 anos, Manuel Baltar afrontou e gañado catro congresos provinciais: “Isto significa que son o segundo presidente que sumo máis anos á fronte do PP de Ourense. O primeiro é José Luis Baltar, con 17 anos. Cando acabe este mandato para o que acabo de ser elixido, eu levarei 15 anos. E con toda a forza e lexitimidade para volver presentarme”. O presidente provincial do PP de Ourense lembra o histórico de trece eleccións gañadas neste tempo -dúas eleccións europeas, cinco xerais, tres autonómicas e tres municipais-: “Fomos capaces de alcanzar porcentaxes históricas de apoio, nunca superados por ningunha outra formación. Agora estamos a 482 días das eleccións locais e levo 4.383 días presidindo o partido. Conto todos os días porque cada día é un novo día. Como dixen no último congreso provincial, eu non fun reelixido: fun elixido. Para min o anterior non importa. Son resultados estratosféricos, si. Pero o que me motiva é o seguinte, o inmediato”.

Nesta folla de roteiro, Baltar apunta a importancia de ter un proxecto político: “Eu preséntoo diante da militancia, con propostas concretas. E cúmprense. Porque a transparencia, o goberno aberto, tamén debe predicarse dentro das organizacións políticas. E esta transparencia é a que fai que o pasado venres aprobásemos en comité as contas do 2021 nun exercicio que non fai desde hai anos ningunha outra formación política. Xogamos coas cartas boca arriba. E esta xestión é a que permite que nunhas semanas inauguremos na cidade de Ourense unha das sedes máis innovadoras, próximas e modernas que teña calquera partido político en España”.

O OBXECTIVO DE 2023: SUPERAR O RÉCORD DAS 71 ALCALDÍAS DO PP E OBTER A MAIORÍA ABSOLUTA NA DEPUTACIÓN.

O presidente provincial do PP de Ourense observa o horizonte das municipais do 2023. “Os obxectivos están claros. O primeiro é, por suposto, seguir desempeñando o goberno provincial. En Galicia, o goberno máis importante xestionado polo PP é a Xunta e o segundo é a Deputación de Ourense. Por iso imos obter a maioría absoluta. En 2019 quedamos a 852 votos no partido xudicial de Ourense para revalidala. Na cidade, perdemos 4.000 votos das xerais ás locais, en só 30 días. Pero a política é pacto. E se empezamos o mandato con 12 de 25 escanos, no pleno que acabamos de celebrar este pasado venres contamos con 15 votos dos 25. O 60%. Porque política escríbese coa p de pacto”.

En paralelo, Manuel Baltar sitúa o obxectivo de superar o récord de 71 alcaldías para o PP en Ourense. “Agora mesmo, o PP xestiona 62 gobernos municipais. 61 alcaldías e somos cogoberno na cidade. É dicir, gobernamos en dous de cada tres concellos da provincia, gobernamos a 3 de cada 4 ourensáns. O noso obxectivo é o récord das 71 alcaldías”. Para iso, incide, é clave a mensaxe construída a base de certezas que o partido traslada aos veciños: “Presentarémonos de novo cun candidato e un programa de mandato, como ninguén fai en España. Porque sabemos que das urnas locais sae non só os gobernos dos concellos senón tamén o goberno provincial”. E avanza o nome do próximo plan de mandato: “Queremos ofrecer aos veciños a certeza do que imos facer, con plans de mandato. O Plan Ourense92 (2011); o Plan 1519 (2015); o Plan 7273 (2019) e o próximo, que será o Plan 2127. Porque o pico máis alto de Galicia -Pena Trevinca- mide 2.127 metros e está en Ourense. E de aí a boa perspectiva e intuición que sempre exhibimos nesta terra. Unha terra na que naceron experiencias de centrodereita galeguistas, como Coalición Galega ou Centristas de Galicia. Que fusionados co PP démoslle ao PP a maiúscula dese ” G” de galeguismo que sen dúbida é o noso mellor aval e o que sabemos exercer día tras día”.

RENOVACIÓN DO 80% DOS CABEZAS DE LISTA.

O PP de Ourense presentará antes de que acabe este ano 2022 a todos as súas cabezas de lista nos 92 concellos da provincia, ademais da entidade local de Berán. “Candidatos fiables, reconocibles, que saben xestionar. E onde a eficiencia marca un antes e un despois para lograr ese récord de alcaldías, ese récord de concellos”, explica Manuel Baltar, que pon o foco na profunda renovación de candidaturas desenvolvida nestes doce anos: “Respecto a cando asumín a presidencia, en 2023 renovaremos ao 80% de todos o número 1 presentados. Un labor de renovación e, sobre todo, un labor de conexión cos veciños e veciñas da provincia de Ourense. Con propostas, con mulleres e homes perfectamente identificados coas ambicións e retos de cada concello e cun proxecto común que se chama Ourense”.

Nesta liña, o presidente provincial valora o perfil propio que ten o partido que preside: “Ninguén nos gaña en ourensanismo, ninguén nos gaña en coherencia. Se temos que defender unha postura reivindicando os intereses de Ourense por encima de calquera outro, facémolo, aínda que a nivel autonómico ou nacional non teñamos esa mesma postura. Porque como dixen no congreso provincial: nós non somos unha sucursal”. Dentro desa identidade do PP sitúa a importancia de estar ao dispor dos veciños as 24 horas de todos os días do ano. “E por iso o próximo 28 de maio de 2023, as eleccións locais -que son a nai de todas as eleccións-, exhibirán, concretarán e certificarán un gran triunfo do Partido de Ourense, do que síntome sumamente orgulloso de todos e cada un dos seus miles de militantes que fan posible esta identificación coa provincia, insuperable e de ciencia ficción para o resto de opcións políticas”.