A reunión de lanzamento da Mobile Week, que se celebrará por toda a provincia en novembro, contou coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, os presidentes de Cruz Vermella Ourense e CEO, o delegado territorial da Xunta de Galicia ou a xerente do Inorde
Manuel Baltar destaca a implicación e cooperación dos axentes sociais, económicos e administracións para a organización do evento: “Da man de Mobile World Capital Barcelona seguimos loitando contra a fenda dixital e visibilizamos a provincia como un referente tecnolóxico”
O CEO de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, valora como a Mobile Week achega a tecnoloxía á sociedade, “nun momento no que as competencias dixitais son básicas para os dereitos da cidadanía”
Os preparativos para a Mobile Week Ourense 2022 arrincaron esta mañá no Pazo provincial coa celebración da reunión de lanzamento da cita, que se volverá a celebrar en novembro na provincia de Ourense despois da súa primeira edición en 2021. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o CEO de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, lideraron un encontro no que tamén estiveron presentes o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Marisol Nóvoa; o presidente de Cruz Vermella Ourense, Felipe Ferreiro; a xerente do Inorde, Emma González; o vicepresidente segundo provincial, César Fernández, ou a director da área de Transparencia da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, que será o coordinador desta Mobile Week.
Manuel Baltar agradeceu a presenza no Pazo Provincial do CEO de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, para asistir á reunión de lanzamento da Mobile Week Ourense 2022: “Un encontro sumamente interesante no que puidemos comprobar a completa implicación dos axentes sociais, económicos e administracións”. Tras o éxito alcanzado o pasado ano, sinalou o presidente provincial, “imos seguir impulsando esta alianza tecnolóxica coa ciudadania ourensá para conseguir un claro obxectivo: continuar da man de Mobile World Capital Barcelona loitando contra a fenda dixital; achegando a tecnoloxía ao cidadán e visibilizando a provincia como sede e referente tecnolóxico”. Tras este primeiro encontro, do que afirmou saír “plenamente satisfeito”, Manuel Baltar mostrou a súa confianza na organización dunha “excelente Mobile Week Ourense, para o que temos tempo por diante e contamos coa implicación e o ánimo de todos neste obxectivo compartido”.
“O éxito dunha iniciativa é unha boa planificación”, destacou pola súa banda Carlos Grau para expresar tamén a súa satisfacción “por empezar o ano cun plan de traballo intenso”, á vez que agradeceu a implicación de Manuel Baltar neste proxecto, así como ao propio coordinador da Mobile Week Ourense 2022, Fernando Suárez.
Carlos Grau destaca a “aposta” da Deputación
No obxectivo de achegar a tecnoloxía á cidadanía, sinalou o CEO da Mobile World Capital Barcelona, durante esta primeira reunión estudouse a organización de contidos -que serán modelados axustándose á provincia de Ourense- para perfiles claves como os maiores, nenos ou as pemes. “Estamos nun momento no que as competencias dixitais e o coñecemento da tecnoloxía son un elemento básico para moitos dereitos, desde o punto de vista da educación, da saúde ou a mobilidade”. Ademais, Carlos Grau lembrou que Ourense foi a primeira provincia en España “que apostou con valentía por ofrecer a todos os cidadáns, máis aló dun núcleo urbano, a oportunidade de ter acceso todos estes coñecementos”.
Esta primeira reunión do grupo de traballo será o xerme da comisión de seguimento que se reunirá periodicamente para avanzar na organización da Mobile Week Ourense 2022. Este evento é o único de ámbito provincial que se celebra baixo o paraugas da Mobile World Capital.