O Carballiño recupera o Entroido pero sen desfile de comparsas, que se pospón para o verán

Onte, luns, tivo lugar no salón de plenos do Concello do Carballiño unha reunión á que asistiron os responsables das áreas de Turismo e Cultura, José Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente, e unha nutrida representación das comparsas que veñen protagonizando nas últimas edicións o desfile do entroido carballiñés.

Na mesma, todos estiveron dacordo en que o actual protocolo para o entroido da Xunta de Galicia imposibilitaba a realización dun desfile, polo que, a proposta dos responsables municipais, acordouse pospoñer o desfile para a súa celebración no Entroido de Verán. A este respecto, fixaron unha data para o mes de marzo co obxectivo de acordar o modelo a seguir nesa celebración estival que se consolidou nos últimos anos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén os comparsistas manifestaron o seu desexo de poder celebrar esta festa tradicional e manifestaron o seu compromiso para animar ós membros das súas agrupacións a que participen, quedando desta maneira asegurado que volven os disfraces ó Carballiño.

Asemade, os responsables municipais, cumplindo tamén co protocolo de seguridade, confirmaron que o Carballiño contará cunha ampla oferta de animación musical itinerante nestas datas tan sinaladas que se presentará nos próximos días.

Por outra beira, dende o Concello do Carballiño apuntan que esta semana van a convocar á hostalaría da vila para definir o modelo definitivo da Festa da Cachucha, seguindo o espírito de diálogo que se ven mantendo por parte do concello cos diferentes colectivos do Carballiño.