Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

Por Felipe-Senén

Un pregón lanzado nun foro – a máis de anunciar algunha cousa, con máis ou menos extensión e calidade literaria, o que se fai a través de particulares retrousos – reclama a atención, quizais a dun posible seguidor ou comprador. Os retrousos poden converterse en  estereotipos, tópicos que abouxan e duran de moda un tempo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Compre enxergar o que nos rodea, as circunstancias, as cousas, e facelo con todos os sentidos postos, máis a intuición e sumando a cultura que se teña. Así cada asunto da pra moito: podemos atoparlle sabor, o tacto que ten, os recendos  a máis das cores e dos seus sons…entre moitos outros que nos permiten entrar na cerna, na alma das cousas. Asuntos ben sabidos e dos que, pra seducir, presume a Igrexa e, ás veces, non precisamente para a súa mensaxe de  igualdade e de Paz.

Nos meus anos de responsabilidade no Museo Arqueolóxico da Coruña encontreime varias veces con “curator” dalgún museo estranxeiro entre eles, conservadores do British Museum. Profesionais interesados en canto significaba Galiza, na súa etnoarqueoloxía, lendas, nos “hillforts” galaicos, isto é nos noso castros, en pezas arqueolóxicas de Galiza as que mesmo lle ofrecían en venta e en silencio algúns galegos, entre elas a “Tábula Lougeirum”, atopada por un espontáneo e con detector de metais en lugar que inicialmente se ocultaba, para abrir tramites xudiciais e recuperala para o patrimonio de Galiza….logo, ao cabo do tempo, soubemos, tamén casualmente, que fora atopada no castro do Monte Cido no Courel.  

Máis o que agora nos trae aquí  é outro insólito interese dos etnoarqueólogos británicos, moi diferente ao da nosa embrutecida sensibilidade: recuperar os sons de cousas ancestrais, as pandereteiras, o traqueteo das matracas, o cantar nasal antigo, as regueifas, o son do carro, do bailar das rodas dos muíños, o petar de tambor dos batáns ou do mazo pilón das ferrarías, os aturuxos, o xeito de chamar ao gando….e aínda o máis sorprendente os sons comunais da algarabía da feira: o barullo, o parolar, os pregóns dos venderes…. Neses encontros nos que tanto teño aprendido, recomendeille algunhas feiras. Como non podía ser doutro xeito, entre a de Padrón, a de Santos en Monterroso e a de Paiosaco de Bergantiños, a do meu Carballiño.

 Ao cabo de moito tempo aqueles ingleses fixéronme chegar uns casets didácticos, para as escolas ou os simples afeccionados,  que, con base científica tentaban reproducir os sons do foro romano, dos viquingos, do medievo….e entre os primeiros, o dos romanos, como si dun foro antigo se tratara, estaban os dunha feira galega, que poida ser a do Carballiño: o tanxer do gando, o berro dun pregoeiro, o choro dun neno, o ladrido dun can…e entre todos o cantar dun afiador, que delata a procedencia ….¡¡¡¡¡¡¡Aaaaafiiiiaaaadooorrrrrrr y paragueroooooooooooo, afíanse navallas, coitelooooos….!!!!!!!!…faltaba o machista e retranqueiro e entón en ton máis baixo que complementaba “……e mullereesssssss

Todo ten detrás a súa banda sonora, todo comporta a súa música…

Rememoro aquelo e con iso os sons da miña infancia no Carballiño.  Cando alá polo Mato, cara á Pena de Queiras, o que aguillaba ao gando do “Amarillo” facíao con potente gama musical dun  ¡¡¡¡Eiiiiii gallarrrrrdaaaa veeeeeeeeee! Sons que mesmo ecoaban, ían e viñan de Señorín ao val do Regueiro… Eran anos tristes, a guerra aínda pesaba, mandaban o amplo repertorio de cantos relixiosos: “con floresssss a Mariaaaaa…con flores a Porfíaaaaa….” “Eeeel demonioooooo a la orejaaa te estaaaa dicieendooooo…” e o esbarradizo sssss das ladaíñas, “ooora pro nobisssss”… Pola banda profana os albaneis non deixaban de asubiar e cantar, aínda asentando ladrillos ou dando recebo: “Esperanzaaaaa por Dioossss solo sabes bailarrrrr chachaaaaaa” . Nin os carpinteiro de lapiceiro roxo na orella e cepillo en mán traballaban sen música súa: “A lo looocoooo, a lo looocooo…se vive mejooooor”…

Iso si, as campás do reloxo do Concello daban e repetían impasiblemente as horas e ás veces coincidían cos diferentes avisos da Igrexa Vella. Toques aqueles anunciando o defunto, e a segundo o toque puidera ser por anxeliños, homes, mulleres, vellos….incendio, festa….Saberes perdidos dos que xa poucos poden dar conta. Patrimonio inmaterial, acústico, tan coidado e do que se presume na Europa madura e que, pola contra, mesmo aquí se nega: dis que non deixan durmir…. Mentres se consinte e promociona a algarabía  dos berridos desartellados e neuróticos do botellón en lugares emblemáticos e teoricamente protexidos… O  desnorte, o mundo ao revés en tempos de voluminosos e enxordecedores decibelios de altavoces e micros.

A voz  de antes, saía do peito e dábaselle un toque, unha inflexión nasal, céltica, como ben recolleu esoutro amigo do Carballiño que foi o músico e musicólogo que foi Faustino Santalices, con irmáns con estanco na rúa de Ourense no Carballiño

Na mañanciña cedo deixábase escoitar co amencer aos vendedores de anguías que viñan de Barbantes ou daquela ribeira do Miño. Pregón que facían cun longo asubío ou chifro,  seguido dun  Aiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii anguiiilaaaasssssssssss….!  Semellaba verse o gueipo, no interior co rebulir daquelas serpes negras entre lodo e limo…..  No verán, nas horas de calor e mesmo na raxeira da sesta, cando ninguén rebulía polas rúas e o sol caía a cachón sobre o asfalto, escoitábase o rolar do carro de xeados de “La Ibense”, era o Julio co seu  ¡¡¡¡¡¡¡yyyyy que ricooooos llevo los heladoooooosssss, fresa, mantecado, nataaaaaa y chocolateeeeeeeeeeee….!!!!!!…e volvía e volvía co mesmo retrouso. Podería escoitarse  o  ruxir do abrir dunha porta, o baixar dun neno pra mercarlle un xeado. Entón procedíase tamén a aquela liturxia sonora, case de campás e aóxeres, a de abrir as tapas  prateadas dos bidóns de xeado, cargar as culleres e verter o xeado sobre o cucurucho. Moito habería que falar desta caste de vagamundos das terras de Nogueira de Ramuín, xeadeiros, castañeiros, barquilleiros e mesmo afiadores. Mestres na arte dos pregóns, os que tiñan un particular idioma sacado da súa itinerancia, mesmo con verbas lidas e pronunciadas ao revés, “o barallete”. Asunto ben sabido polo lembrado amigo, periodista e escritor de Luíntra, residente en Coruña , Xosé Fernández Ferreiro.

No inverno os xeadeiros podían trocar o inmaculado carro branco por unha pequena, negra e fumegante locomotora de latón e ferro, asadora de castañas, acompañados dun longo reclamo seu que dicía “Castaaaaañas quentiñaaaaas …van fervendoooo”. Castañeiros que elixían un lugar no que asentarse, era o cruce de Ourense, na esquina dos calzados Munín, a carón da Farmacia Fontaíñas. Calzados e botica, esenciais nunha vila de encrucillada. Inspiradores sons, con música e arrecendo.

Sendo a feira e a festa  o democrático lugar de encontro, de convivencia na oferta e na demanda, os vendedores sabían e seguían as teimas propagandistas e os modos  de Ramonet, un charlatán natural de  Orihuela, experto vencedor de mantas do que terían moito que aprender os  mediáticos “influencer” de hoxe, os que todo aduban de erótica.

A pesar da luz do verán ou o grís da invernía na feira reinaba a cor, o ir e vir e como de fondo un inquedo roncón nasal, como o da zanfoña, ou o dunha gaita no seu inicio…música de fondo dun terno alborecer. A feira era algarabía, confluencia de sons, dos que reclaman, dos que compran ou venden, dos que atraen ao cliente cun “bueno, bonitoooo e baratoooooo….” O son dunha trompeta fina de caza…. os das tómbolas coa súa variedade de ofertas e que ao cabo do tempo non variaron moito “que alegríaaaaa, que alborozoooo…el perrito pilotoooo…” e xa non digamos coa moneca Chochona…. Neso os mestres eran os de Lérez e mesmo os moinantes de Bergantiños, grupos familiares de trotamundos levando tras si os vehículos das tombalas, os tiovivos…o mundo da feira e da festa. Sempre, sempre a orquestra Millara, co seu acompasado coro ¡¡¡¡Ei, Ei Hallyyyyy, Hallyyyyyyyyyy…..” e os novos soídos de rec¡verrrrrveraaaaciooooooonnnnnnnn”-

Un lugar de barullo ancestral era a praza de Abastos, onde pola súa feitura de esencial nave catedralicia, deixando na entrada os esmoleiros cos seus retrousos “pola almiña dos seus defuntos déame unha limosñina… e un . ”Deus llo pague” , retumbaba entre as paredes a voz das peixeiras, das panadeiras, das queixeiras…..Aquí si se escoitaba o pregón en galego….’’’Queixiñoooo frescooooooo….. da berza….e feito da miña maaaaan!!

Escoitase a  que berra e chama polo seu neno “Arturiñoooooooo ondee andaaaas”. Como a Caridad Pereira a que dende o balcón da súa casa, veciña da miña, collía folgos e chamaba ao seu sobriño e meu vello amigo cun gargarexante ¡¡¡¡Andreeeesssssssssss….a comeeeeeeeeeerrrrrrrrrrn ¡¡¡¡¡¡¡¡” sopranístico en “mi maior”, ascendente e sostido . Iso si, entre permanentes cantares de Manolo Escobar saídos do potente aparatos de radio feito polos fillos do Señor Manolo Alberte. Flores tiña os seus sons, entre os que tampouco faltaban, dando as horas, os cantares e versións do Chiquilín.

Espectacular na  feira era Remy das cobras, entre lagartos, sapos e serpes que envolvía no pescozo…. ofrecendo nun tarro aquel ungüento feito de graxa que dicía ser de cobra …. “!!!!!Bueeeno para el reuuuuma, la artosissssss…. y se frota asziiiii, asziiiii…..!!!!!

Os titiriteiros da Cabra sobre a escada…e os seus toques de frauta… o que tanto inspirou a creadores, os berros e o son das máscaras no Entroido, os axóuxeres dos colares dos cabalos dos Felos, xogando entre as cintas de cores e o reflectir de espelliños.

E naquelas noites do Carballiño, as da metade do século XX, o pregón de Contreras,  o  vendedor de xornais, , fumador empedernido de “caldo de galiña”, que entre bafaradas do fume de tabaco ofrecía a longa e curiosa cantinela “La nocheeeeeeeeeeeee”…..e os nenos, xa fartos dese retrouso en cada anoitecer, interiormente diciamos “Laaaa nooooche, Contreraaaas  vai en cocheeeee….” E tantos sons enredados nas lembranzas.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño