Nota de Espazo Común sobre o incumprimento de obras prometidas polo alcalde no 2021

IES CHAMOSO LAMAS

O goberno do Carballiño xa nos ten a todos máis que acostumados a grandes anuncios que resultan ser, co paso de tempo, grandes nubes de fume.

Á cabeza, o alcalde Fumega que é un gran especialista en disfrazar a realidade e contar a cada un o que quere escoitar.

HIPER MASIDE

Así, entre finais do 2020 e comezos do 2021, vimos como se ían anunciando infinidade de proxectos para a súa execución no ano que vimos de rematar.

Frases como que “o 2021 será o anos máis inversor da historia” ou “vanse investir case catro millóns de euros en obras. Imos darlle unha volta tanto ao rural como á vila.” foron literais dun responsable político ao que xa dá igual dicir oito ca oitenta.

As idas e vindas coa xestión do millonario remanente aforrado nos últimos dez anos no Concello do Carballiño e a pouca seriedade á hora de facer anuncios levannos a pedir un pouquiño de rigor aos membros do grupo de goberno.

Xa pasado este, o balance é bo de facer. Apenas ningún de tódolos compromisos se levou a termo.

Lembramos só algúns deles para ilustrar o que dicimos:

Reformar e humanizar a rúa Carreira.

Abrir a rúa Costa Rica

Abrir a rúa Faustino Santalices

Arranxo da rúa Saleta.

Arranxo da rúa Castelao.

Arranxo da rúa Ourense.

Arranxo da Casa Consistorial.

Inversión de 140.000 € en cada unha das parroquias.

Poderíamos enumerar uns cantos máis pero non é necesario. O que queda claro é que o alcalde nos seus anuncios de aninovo sí que dixo unha verdade “Non vai coñecer O Carballiño nin quen o inventou”, afirmou nunha entrevista. E é certo, o declive da vila é notorio e preocupante.

A falla dun proxecto de pobo que mire cara ao futuro está facendo que perdamos un tempo precioso en momentos moi complexos para os cidadáns.

O cortopracismo de Fumega que só procura investir onde pensa que pode obter rendemento electoral e que só actua en formato cacique con pequenos favores que agarda cobrar o día das eleccións, está a levar a este pobo por un camiño moi perigoso e de difícil retorno.

Para comprobar esta afirmación só hai que botar un vistazo ao que están a avanzar en infraestruturas e servizos outros concellos de ben preto e a parálise total que se vive aquí.