O 8 de febreiro no Auditorio Manuel María: Xornada,” O Idadismo, discriminación por mor da idade”

A xornada “O Idadismo, discriminación por mor da idade” que organiza no Carballiño o Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo e na que colabora o Concello do Carballiño.Tamén compartimos a continuación un breve texto sobre a actividade que recibimos do Consello da Cultura Galega.

Na nosa sociedade discútese cando unha persoa se pode considerar madura ou maior, cal debe ser o alcance das políticas de envellecemento activo ou sobre a lexitimidade das xubilacións forzosas. Estas polémicas teñen reflexo nas normas xurídicas e interpretacións xudiciais como as que determinan que a tutela non sexa equiparable a outras causas de discriminación, pois conciben as medidas de apio das persoas maiores desde a perspectiva do seu mellor interese, e non necesariamente desde a súa vontade, desexos e preferencias.
Os prexuízos socioculturais asociados a certas idades asúmense como normais, coa conseguinte invisiblidade de situacións derivadas, entre as que hai que destacar a xurídica xa que a idade non se viu recoñecida como causa de discriminación até hai moi pouco.
Daquela, a idade semella ser a causa de discriminación máis degradada por mor das súas excepcións, ou a irmá pobre de todas as causas de discriminación e a que recibe, xa que logo, unha menor protección. Os estereotipos son a porta de entrada do estigma, do etiquetado e da conduta discriminatoria a respecto das persoas maiores.
Perante as condutas idadistas, debemos recuperar o enfoque de dereitos humanos que se atopa nos alicerces dos Principios das Nacións Unidas a prol das persoas de idade, de 1991, que proclaman “un trato respectuoso e digno, inherente ao ser humano, para con todas as persoas maiores” e abordan, como cuestións centrais “a independencia, a participación, os coidados, a auto realización e a dignidade”. No caso doutros xeitos de discriminación como a raza, o sexo ou a discapacidade, chegouse a acordos de ámbito universal, mais trinta anos despois, estes principios seguen sen ser obxecto dun convenio global, mesmo que serviran de inspiración ás lexislacións internas de varios países.
Dentro do convenio de colaboración asinado pola Valedoría do Pobo e o Consello da Cultura Galega consideramos necesario abordar as novas circunstancias xeradas polo fenómeno do idadismo sobre un proceso natural: o avellentamento, para que sexa digno e saudable.

AVANTAR ACTIVIDADES