O Psedg insta ao goberno municipal a pór en marcha un plan de choque para a limpeza de pintadas

IES CHAMOSO LAMAS

O PSdeG-PSOE de Ourense presenta unha iniciativa na que insta ao goberno municipal a pór en marcha con carácter de “urxencia” un plan de choque para a limpeza de pintadas, eliminación da carteleira ilegal e a recuperación de espazos degradados da cidade. Os socialistas tamén reclaman a creación dun programa específico para a limpeza de pintadas e a eliminación da carteleira ilegal, coordinado pola policía local e a Concellería de Limpeza, para a identificación de todas as pintadas non autorizadas e os seus autores, a apertura de expedientes e a adopción das medidas oportunas en base á normativa vixente.

Dende o Grupo Municipal Socialista defenderán unha moción neste senso na sesión plenaria deste venres. Unha iniciativa na que instan ao Concello a realizar diferentes actividades formativas a través da Concellería de Educación e de Xuventude co fin de “concienciar á xente moza das consecuencias dos actos vandálicos na cidade de Ourense”. Os socialistas volven tamén a reclamar a elaboración dun inventario de “muros libres e espazos degradados co obxectivo de que poidan ser postos a disposición dos artistas urbanos de Ourense, co fin de que poidan plasmar as súas creacións, fomentando a convivencia das súas obras co resto da sociedade”.

HIPER MASIDE

Os socialistas pretenden poñer o foco na “degradación e o feísmo urbano” que están en crecemento nos últimos anos e que teñen como epicentro o casco vello da cidade, onde tal e como apuntan “pódese observar perfectamente a inacción do actual goberno”. Tamén indican que nos últimos sete anos “incrementouse nun 30% a proliferación destes actos vandálicos que non só danan a imaxe da cidade, senón tamén o noso potencial turístico”. Para o PSdeG-PSOE de Ourense “non é de recibo que os visitantes que chegan a cidade se atopen coa decadencia, o abandono e o lixo en cada recuncho, polo que reclamamos medidas urxentes por parte dos que gobernan”.

Para a vicevoceira do Grupo Municipal Socialista, Natalia González Beneitez, “chegou o momento de actuar para rematar co feísmo urbano” e afirma que a situación “é preocupante”, polo que pide que “non só se actúe contra este vandalismo, senón que tamén se leve a cabo unha labor de concienciación para tratar de diminuír este mal endémico da nosa cidade”. A concelleira socialista avoga por un plan de choque para a limpeza das pintadas ilegais e sinala que “moitas destas se atopan en lugares que son patrimonio de interese cultural”, tales como a Catedral, o arquivo provincial, a Ponte Romana e outros puntos que reciben a diario a numerosos visitantes.

Para González Beneitez “é urxente que exista unha coordinación entre as diferentes concellerías e a policía local”, co obxectivo de “identificar a aqueles que cometen estes actos vandálicos, proceder a sancionalos e abrir expedientes”. A edil socialista tamén aposta porque se “habiliten lugares” para que os numerosos artistas urbanos da cidade “poidan traballar e expresar a súa creatividade” e avoga pola “creación dun inventario de espazos públicos onde os artistas poida expresar esta creatividade”. Os socialistas tamén apostan porque se “promova unha campaña informativa e formativa entre a mocidade e se lles informe dos custes deste vandalismo e do dano que poden causar o turismo e a imaxe dunha cidade que é patrimonio de todos e todas os ourensáns e as ourensás”.

Pola súa banda o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que o casco antigo de Ourense “foi declarado como conxunto histórico artístico en setembro de 1975 e que en setembro de 1996 aprobouse o PERI”, motivo polo que esixe que “se lle de á cidade unha imaxe que agora mesmo non ten debido a deixadez do goberno municipal”. Neste senso, tamén lembrou que o Partido Popular “forma parte deste goberno” e apuntou que “non é que deixemos a un alcalde que desfaga esta cidade, senón que hai responsabilidades compartidas”.

Rodríguez Villarino tamén fixo fincapé en que Jácome “bota balóns fóra porque non hai un plan para a cidade e o PP é corresponsable desta situación”. O líder dos socialistas ourensáns finaliza afirmando que “tan pronto chegue o PSOE á alcaldía, daralle a esta cidade a dignidade e o cariño que merece”, xa que tal e como afirmou “nós queremos a Ourense, namentres que outras formacións queren Ourense para eles e para outros fins escuros”.