Feijóo aborda co alcalde de Cortegada proxectos de interese para o concello en materia de turismo e vivenda

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente do Goberno galego reuniuse con Avelino Luís de Francisco Martínez

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Cortegada, Avelino Luís de Francisco Martínez, proxectos de interese para o concello en materia de turismo e vivenda.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Durante o encontro celebrado en San Caetano, o titular do Goberno galego e o rexedor de Cortegada analizaron a situación do Parque Termal. A Xunta asesorará ao Concello na adaptación do contido do Plan Especial ao PXOM dado que é preciso revisar as actuacións de urbanización previstas.

O Plan Termal do Concello de Cortegada ten por obxectivo dinamizar e recuperar varias edificacións e apostar por un turismo sostible ligado á cultura da auga e vitivinícola, moi presente na zona. Neste intre, este municipio xa conta cun balneario funcionando, un Museo Termal e rutas de sendeirismo e miradoiros. No entanto, tanto a Administración autonómica como a local coinciden en que é indispensable continuar potenciando esta área.

A maiores, Feijóo lembrou que o Goberno galego está a estudar o recoñecemento do Camiño Miñoto Ribeiro como de interese histórico cultural. De feito, o pasado mes de decembro o Consello da Xunta autorizou un convenio co CSIC, a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, para elaborar unha ferramenta metodolóxica que axude na avaliación e recoñecemento de distintos itinerarios históricos como Camiños de Santiago.

En materia de vivenda, Feijóo informou ao rexedor de que a Xunta dará prioridade ao estudo e análise do proxecto presentado polo Concello para a declaración do seu casco histórico como a súa primeira Área de Rehabilitación Integral (ARI).

Ademais, no tocante ás vivendas de promoción pública, o presidente da Xunta explicoulle ao alcalde ourensán que o Concello pode solicitar diversas axudas do IGVS a través do Fondo de cooperación cos concellos ou do Programa de rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal.

Finalmente, no eido das infraestruturas, avaliaron diversas melloras nos tramos das estradas OU-801 e OU-193, ao seu paso polo Concello.