O Psdg de Castrelo recollen firmas para que o concello busque solucións aos problemas do arsénico

 PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño ven de presentar un escrito no Concello por mor dos problemas de arsénico na captación de auga de Coto-Novelle, que afecta a 11 parroquias do municipio. Os socialistas recolleron firmas de representantes de 50 vivendas destes núcleos de poboación o que supón “a práctica totalidade das persoas afectadas” e demostra que os veciños e veciñas de Castrelo de Miño están fartos da “inacción” e da “ausencia total” de solucións a un problema de saúde pública.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o Grupo Municipal Socialista procederon a o rexistro das firmas xunto cun escrito no que poñen formalmente en coñecemento do goberno municipal que tras varios meses, “os veciños e veciñas afectados pola elevación de arsénico na captación de Coto Novelle, continúan pagando de xeito íntegro a facturación polo servizo de abastecemento”. Os socialistas afirman que o servizo prestado “e moi deficiente e restritivo, dado que o uso desta auga está limitado e prohibido para o consumo humano por razóns de salubridade”.

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño esíxelle ao goberno municipal que “tome en consideración” as medidas propostas polos socialistas “para a súa aplicación o antes posible”. Entre elas piden que se inste ó servizo de recadación e xestión “á bonificación nos recibos aos afectados, no período comprendido dende o inicio da incidencia ata o remate da mesma”. Tamén esixen a “paralización ou suspensión dos recibos aos afectados, mentres persista o problema de elevación de arsénico, así como a devolución dos importes facturados dende o comezo da incidencia”. Por último tamén instan ao Concello a “activar unha partida orzamentaria como fondo de compensación para aqueles veciños e veciñas afectadas”.

Para a voceira socialista en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, “é o momento de que o alcalde e o seu equipo de goberno escoiten dunha vez por todas a veciñanza e busque solucións a un grave problema de saúde pública”. A concelleira socialista destaca que ata o de agora “non existe ningún tipo de compensación no recibo da auga para aquelas persoas que non poden facer uso da mesma, algo que xa solicitamos en varias ocasións e dende o goberno municipal se ignorou, polo que decidimos recoller firmas entre a veciñanza afectada, para ver se deste xeito o goberno municipal ofrece solucións”.

González Álvarez tamén anuncia que “vamos a seguir loitando por conseguir solucións a longo prazo e dar amparo a veciñanza do noso municipio” e esíxelle ao alcalde, ao Partido Popular e aos tránsfugas que apoian este goberno que “saian as rúas, percorran as parroquias e escoiten aos afectados porque a situación é límite e a veciñanza está farta de que se ignoren por completo as súas demandas nun problema que afecta a saúde e que pode xerar graves problemas ás persoas”.