O Psedg denuncia que Ourense deixará de ter unha oficina de rehabilitación

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que Ourense será a única das grandes cidades galegas que deixará de ter unha oficina de Rehabilitación, VPP e PERIs por mor dos “delirios” e a “carencia de altura de miras” do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que conta co aplauso “cómplice” dos seus socios do Partido Popular. Os socialistas critican que a cidade é a última das urbes galegas en canto á contía de fondos e recursos acadados nos últimos anos para rehabilitación, rexeneración e renovación urbana e para o acceso a vivenda, “pola ausencia de xestión e compromiso” dos gobernos do PP e Jácome.

Dende o Grupo Municipal Socialista esixen a Jácome que “paralice” o traslado da Oficina de Rehabilitación, VPP e PERIs e que se manteña na súa actual localización, xa que tal e como afirman “isto non responde a ningún plan de reorganización de dependencias para a mellora da administración, senón aos delirios dun alcalde irresponsable que pensa que o Concello de Ourense é un xoguete no que pode facer e desfacer como lle de a gana, sen pensar nin o máis mínimo nas consecuencias de cara ao futuro do seus actos”.

“A inquina persoal e o desinterese de Jácome contra esta dotación, xunto coa pasividade do seu socio de goberno do Partido Popular, farán que a partires do 17 de febreiro pase a integrarse nas dependencias da concellería de Urbanismo”, afirman os socialistas, que apuntan tamén que esta decisión “conlevará ao seu desmantelamento polo pouco apropiado desas novas instalacións para o desenvolvemento do traballo e da atención ao público do persoal vencellado a esta área clave de xestión”.

PUBLICIDADE ELECTORAL