Beariz, Punxín e Cea amosan interese polo Plan Básico Municipal da Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reúnese cos alcaldes de nove concellos e os equipos redactores dos seus plans básicos municipais. Edificio CINC, Santiago de Compostela, 09/02/22.

A Xunta constata o interese e receptividade dos concellos máis pequenos para dotarse dun plan básico de ordenación, como instrumento válido para garantir un urbanismo ordenado, responsable e sustentable.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo unha reunión cos alcaldes de Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón e os equipos redactores dos seus plans básicos municipais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Recordou que se trata dunha figura de ordenación prevista na Lei do solo -aprobada hai seis anos polo Parlamento galego- e pensada para os concellos máis pequenos —de menos de 5.000 habitantes—, aos que dar amparo urbanístico, mentres non xurdan iniciativas de maior complexidade que aconsellen a elaboración -por parte do concello- dun plan xeral. Deste xeito, “Galicia foi pioneira” á hora de facilitar un urbanismo válido e acorde á normativa en vigor; “atallando os escollos máis frecuentes” aos que se enfrontan as administracións locais máis pequenas, ”a falta de medios económicos e, sobre todo, de recursos técnicos”.

Así, os consellos citados hoxe dotaranse dun instrumento básico co que se ordenará o seu territorio e se lles brinda a oportunidade de ofrecer unha acollida residencial e económica, que se traduza nun aumento das posibilidades para o tecido empresarial e para as persoas que escollen estes municipios para vivir.

Explicou que, unha vez superado os trámites iniciais, como a obtención da cartografía das case 100.000 hectáreas que suman os nove concellos, as empresas adxudicatarias destes contratos xa están a traballar nas memorias xustificativas, na catalogación de elementos a protexer e nos informes ambientais estratéxicos.

A conselleira reiterou que, ademais da axuda económica de case 800.000 euros para a redacción dos plans e os traballos cartográficos, teñen á súa disposición aos traballadores e técnicos da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, así como das xefaturas territoriais, para avanzar de forma segura e co menor número de atrancos nesta tarefa, que ten por fin último permitir o desenvolvemento sostible e con garantías dun concello.

Nese sentido, destacou que proximamente tamén poderá apoiarse na experiencia e traballo do primeiro plan básico municipal, o do Páramo; redactado directamente pola Xunta para que servira como modelo e guía aos restantes plans básicos. Lembrou que, na actualidade, se están recompilando os últimos informes sectoriais, e que a intención da Xunta é levalo á vindeira Comisión Superior de Urbanismo para a súa aprobación definitiva, sempre e cando a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil remita o informe pendente.

Defendeu que grazas a esta ferramenta, da que xa participan 18 concellos, xunto co apoio económico que a Xunta brinda para iniciar e avanzar na redacción dos seus plans xerais de ordenación; estanse a dar os pasos acertados para acadar un dos retos principais en materia de urbanismo do Goberno galego: ningún concello sen planeamento urbanístico.