Manuel Baltar reivindica en Bruselas a capacidade da provincia de Ourense para captar fondos europeos

O presidente da Deputación salienta na sede de Partenalia, asociación que preside desde 2018, o traballo realizado polo goberno provincial para “imaxinar, proxectar e sumar apoios a nivel autonómico, estatal e comunitario”

“Coa visibilidade que tamén proporciona presidir Partenalia ou a EHTTA, facemos ver como, nesta etapa postpandemia, a provincia de Ourense é un espazo perfecto para o emprendemento, lanzar novas iniciativas empresariais ou o cooperativismo”, resalta o líder provincial

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar participará mañá en varias reunións con altos representantes comunitarios para expor a necesidade de que os fondos Next Generation intensifiquen a súa chegada ás economías locais

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou esta tarde en Bruxelas, na sede de Partenalia -asociación de gobernos provinciais europeos que preside desde 2018-, a estratexia provincial de captación de fondos europeos Next Generation e no marco financeiro plurianual para o período 2021-2027. Un proxecto de planificación impulsado de forma pioneira en España a nivel provincial en Ourense. “Nun momento tan importante, co escenario dos fondos de recuperación, traballamos para achegar Bruxelas aos gobernos locais e intermedios”, remarcou Manuel Baltar.

O presidente provincial insere esta visita á capital comunitaria dentro da liña de traballo desenvolta polo seu goberno. “Estas conversacións coas altas instancias comunitarias están coordinadas coas nosas accións dos últimos anos. Coa visibilidade que proporciona presidir Partenalia ou a EHTTA -a rede europea de cidades históricas termais-. Facer ver que nesta etapa postpandemia, un lugar como a provincia de Ourense é un espazo perfecto para o emprendemento, lanzar novas iniciativas empresariais ou o cooperativismo”.

O presidente provincial difunde en Bruxelas esta estratexia provincial, presentada en Ourense o ano pasado e que se converteu nunha das claves de traballo do equipo de expertos da Deputación de Ourense nesta área, que xa conseguiron, por exemplo, a mellor nota entre 341 proxectos presentados para a dixitalización do comercio rural. Manuel Baltar incide ademais na importancia dos quince proxectos tractores deseñados pola Deputación para a transformación da provincia con fondos comunitarios: “Están baseados na economía circular, o termalismo, o destino turístico intelixente, a dixitalización… ademais de episodios específicos como o gran hotel balneario. Traballamos, en definitiva, para a cohesión territorial, con ecosistema de innovación, aceleradores da nosa capacidade agroalimentaria ou plans de sustentabilidade para o transporte ou a dixitalización”.

A capacidade da Deputación para “imaxinar, proxectar e sumar apoios”

Manuel Baltar valora o traballo constante da Deputación para trazar liñas de cooperación, tamén en Bruxelas: “Son reunións, información que flúe, encontros con comisarios como a de despoboamento, a presenza no Comité das Rexións… esta Deputación é un exemplo, con proxectos como o Raia Termal ou o Emprendou. Son cuestións que teñen que ver coa capacidade do goberno provincial para proxectar, imaxinar e sumar apoios a nivel autonómico, estatal ou comunitario”. Nesta liña, como presidente de Partenalia repasou en Bruxelas as próximas accións que levará a cabo esta asociación, como uns talleres formativos para achegar as estratexias comunitarias aos gobernos locais e intermedios.

Reunións en Bruxelas

Reunións de traballo como as celebradas esta tarde enmárcanse dentro da visita institucional que Manuel Baltar está a desenvolver en Bruxelas, na que se reunirá mañá con altos cargos comunitarios para expor a necesidade de que o Goberno de España distribúa os fondos de recuperación dunha forma transparente e xusta, co obxectivo de que os fondos cheguen á economía real da provincia e sexan unha panca de desenvolvemento. “Ourense ten proxectos ben deseñados para corrixir as necesidades da provincia. Os fondos de recuperación son unha oportunidade que non podemos desaproveitar”, sinalou o presidente provincial, que estará acompañado mañá en Bruxelas dunha importante comitiva institucional española.