O proxecto «A vida lenta» revisa as memorias e ritmos do rural galego, na Sala de Exposicións Afundación de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O proxecto expositivo da Obra Social de ABANCA conxuga fotografía, audiovisual, poesía e música nunha reflexión sobre o rural galego, coordinada polo director, guionista e produtor Aser Álvarez

É a primeira mostra en abordar os fondos galegos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta mañá na súa Sala de Exposicións Afundación Ourense un proxecto expositivo interdisciplinar mediante o que reflexiona sobre as formas de vida vencelladas ao rural galego, a súa iconografía e a súa presenza na cultura contemporánea. Da man de Aser Álvarez, director, guionista e produtor galego, «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», conxuga fotografías, pezas audiovisuais, poesía e música nun evento pensado como recoñecemento a unha realidade esencial para a conformación da identidade en Galicia. Na inauguración desta mañá, na Sala de Exposicións Afundación Ourense, estiveron Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, e Aser Álvarez, guionista e produtor, quen, ás 19.00 h, conduce a visita guiada á mostra.

Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitaren a exposición.

As imaxes desta mostra están dispoñibles aquí:

https://drive.google.com/drive/folders/1Ie561kGnCNaFU4Gbfr_6ZyVkZPHCwGXQ?usp=sharing

A exposición conta con valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos sobre o rural galego desde 1930 ata finais do século XX: a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Cada un deles achega unha perspectiva diferente sobre unha mesma realidade, e é esta diversidade de perspectivas a que favorece unha precisa análise sobre as representacións do rural, aquelas que foron constituíndo, tamén lentamente, o imaxinario colectivo.

A mostra presenta tamén versos creados por algúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Medos Romero, Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, co obxectivo de reflexionar sobre a presenza da natureza na cultura contemporánea. A banda sonora da mostra, unha creación de Moisés Quintás, recrea o chiar dos carros, o ouvear dos lobos, o xirar das rodas de muíño ou o cravuñar das gadañas.

Con esta iniciativa, Galicia convértese na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Esta exposición desenvólvese nunha conxuntura en que a preocupación pola conciliación persoal, a convivencia co medio natural e a análise dos nosos ritmos vitais está a experimentar unha reflexión intensa a consecuencia da pandemia. A teor deste contexto, o traslado ao rural ou a núcleos de poboación máis reducidos preséntase como un garante de calidade de vida. O que noutrora fora deostado como antítese do progreso, contémplase agora como posible solución dos desequilibrios de demografía territorial.

A mostra complétase con actividades online e convidados de primeira liña, que desenvolven a creación contemporánea e de vangarda desde un forte compromiso co rural e que inspiran un necesario debate sobre a súa situación actual e as súas opcións de futuro. Algunhas das persoas participantes nestas actividades son, entre outras, o premiadísimo cineasta Óliver Laxe, que está a traballar nun centro de desenvolvemento rural na aldea luguesa onde filmou O que arde; Elena Ferro, zoqueira de Vila de Cruces de terceira xeración; ou o chef Javier Olleros, á fronte do restaurante Culler de pau, que conta con dúas estrelas Michelin.

Por outra banda, e co fin de seguir achegando a cultura e o valor do coñecemento do patrimonio entre a rapazada, Afundación deseñou unha completa programación didáctica para escolares.

Para infantil ata 3.º de primaria. «Do bo uso da curiosidade, nace a creatividade». Un canto ao silencio, ao rechouchío dos paxaros e aos cantos dos grilos, á relación cos animais e a riqueza da terra. En plena era da tecnoloxía, a sala de mostras será un lugar para a reflexión lenta, curiosa e creativa.

Para 4.º primaria a 2.º de ESO. «Apagón tecnolóxico, só apto para valentes». Un planeta descoñecido, sen móbiles nin pantallas, sen plásticos nin latas. Unha viaxe ao inexplorado, este planeta é só mar, terra e apenas unhas poucas máquinas. A expedición máis arriscada nunca antes vista para un grupo de escolares que se enfrontará a unha auténtica apagada tecnolóxica…

De 3.º de ESO a bacharelato e CF. «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego». Visita á mostra explicando a orixe das fotografías, significados e o enfoque xeral da exposición.

A mostra estará aberta ata o 1 de maio na Sala de Exposicións Afundación Ourense de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e sábados, domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.

Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.