Néstor Rego no Carballiño: “Reforzar o BNG no Congreso é defender con máis forza os intereses dos galegos e galegas”

O deputado do BNG reivindica o papel como “forza coherente e insubornábel” na defensa dos intereses da Galiza e a clase traballadora

Destaca o traballo pola modernización da rede ferroviaria interna do País e para estabelecer o servizo de proximidade ferroviaria nas principais vilas e cidades

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputado do BNG, Néstor Rego, participou nun encontro público coa veciñanza do Carballiño para falar sobre o papel do BNG no Congreso e a importancia de ter unha voz propia en Madrid. Postula o BNG como unha forza “nitidamente galega coas mans libres para defender unicamente os intereses da Galiza e das clases populares”. Exemplifica o labor da formación nacionalista na súa aposta pola modernización da rede ferroviaria interna e a conexión das principais vilas e cidades do País.

Durante o encontro, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galiza e da clase traballadora desde a súa toma de posesión no Congreso. Unha voz galega comprometida coa defensa do País desde o primeiro minuto, como se puido comprobar co Acordo de Investidura alcanzado polo BNG que logrou desbloquear a Axenda Galega e colocar sobre a mesa a solución a moitos problemas que levaban décadas agardando.

Con todo, Rego é crítico coa actitude do Goberno español. “O Goberno de coalición, PSOE e UP, non teñen moito interese en cumprir coa Galiza e cos compromisos asinados. Observámolo hai unha semana cando, a pesar de ter prometido e terse comprometido con diversas forzas políticas- entre elas co BNG- en derrogar de maneira íntegra a Reforma Laboral aprobada polo PP en 2012, decidiron pórlle un parche e someterse aos ditados de Bruxelas e aos intereses da patronal” denuncia o deputado nacionalista, que sinala que “existía unha maioría parlamentar suficiente no Congreso, se tivese habido vontade política por parte de PSOE e Podemos, para deixar atrás os recortes de dereitos do Partidos Popular e, no entanto, renunciaron a facelo”.

O deputado nacionalista cualificou de “fraudulenta” a proposta da Reforma Laboral por manter os aspectos máis lesivos da Reforma aprobada polo Partido Popular, por volta de 90%.  “Non tocan as facilidades e o abaratamento do despedimento, a autorización administrativa previa para os ERE, os salarios de tramitación, a prevalencia dos convenios de empresa, que poden empeorar os de sector, excepto nos salarios, etc.” enumera o deputado do BNG.

Por outra banda, Rego destacou o papel do BNG na aposta e defensa da “modernización da rede ferroviaria interna da Galiza, un medio de transporte sustentábel co medio ambiente e que favorecería o desenvolvemento da Galiza”. Un medio que foi desmantelado nas últimas décadas polos sucesivos gobernos de PP e PSOE desde o executivo estatal. “Suprimiron liñas e frecuencias que conectaban O Carballiño con Ourense, eliminaron a venda presencial de billetes e aplican unha política tarifaria nada atractiva para os usuarios, que penaliza o uso do tren en vez de promovelo” exemplifica o deputado nacionalista.

Frente á constatación da realidade de que os Gobernos españois, do signo que foren, continúan prexudicando a Galiza, o deputado apunta a necesidade de contar con máis presenza no Congreso até conseguir que o BNG constitúa un grupo parlamentario propio que defenda os intereses das galegas e galegos con máis forza aínda. “Unha voz libre e forte que só pode ser a do Bloque Nacionalista Galego desde a constatación de que a representación das forzas de ámbito estatal prefire acatar submisamente o que decidan as súas direccións en Madrid, mesmo cando iso prexudica os nosos intereses” conclúe Rego.