Desde a formación nacionalista lamentan que pola falla de xestión e capacidade do Goberno PP-DO, Ourense vaia quedar fóra do reparto de fondos Next Generation por segunda vez
Xa no pasado mes de decembro, o Grupo Municipal do BNG, denunciou o feito de que o Concello de Ourense quedara fóra do reparto de fondos da primeira convocatoria dos Next Generation aprobada polo Goberno do Estado, o que supuxo ser, xunto a Ferrol, as únicas cidades do país que non captaron ningún fondo.
Para o portavoz do BNG no Concello Luis Seara este feito revelaba “a incapacidade para xestionar e a falla de ideas do Goberno PP – DO”. Seara reclama saber os motivos polos que Ourense vaia ficar fóra do seguinte reparto dos fondos aínda que ten claro que “débese fundamentalmente a falla dun proxecto e dunha idea de cidade”.
Igualmente lembran desde a formación nacionalista que no pasado mes de xaneiro e mesmo con anterioridade, levan presentado varias mocións relativas a estes fondos e que permitan poder desenvolver proxectos de eficiencia enerxética, de mellora de instalacións públicas e mesmo acometer as obras precisas para adaptar o interior da Praza de Abastos nº 1 cando conclúan as obras exteriores, “algo que por certo veñen reclamando insistentemente as praceiras e praceiros”.
Por último Luis Seara lembra a belixerancia coa que o actual rexedor, Gonzalo P. Jácome actuou cando estando na oposición, o concelleiro Jorge Pumar perdeu unha subvención pertecente aos fondos EDUSI da Unión Europea, “chegando a pedir en varias ocasións a dimisión do propio Pumar e adicándolle non poucos adxectivos descalificativos tanto a el como ao resto do goberno do PP de entón”.
Ao Grupo Municipal do BNG “xa nos tardan as explicacións do Goberno Local ante esta alarmante pasividade”.