A Xunta reforza o material de emerxencias do ges de Maceda coa entrega dun equipo de excarceración

  • O  delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén fixo entrega hoxe do novo equipo no que a Goberno galego investiu case 57.000 euros para mellorar a atención en emerxencias que cubre o GES relacionadas con accidentes de tráfico ou rescates
  • O GES da Maceda, que dá cobertura ás incidencias deste concello e a Baños de Molgas, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo, foi un dos 6 grupos creados o ano pasado
  • O Goberno galego lamenta que debido á decisión das deputacións de Pontevedra,
    A Coruña e Lugo de rexeitar as propostas da Xunta para mellorar a atención das emerxencias, só os GES da provincia de Ourense verán incrementadas as súas plantillas e contarán con mellores condicións

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  fixo entrega hoxe ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Maceda dun equipo de excarceración para rescate, que supuxo un custo de case 57.000 euros e que esta destinado a atender determinadas intervencións como accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou outras estruturas colapsadas. Ao acto tamén acudiron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.

O equipo serve para calquera tipo de emerxencias de salvamento ou rescate onde sexa necesario empregar ferramentas hidráulicas de corte, separación, tracción e elevación. Consta dos elementos necesarios para a intervención en rescate como unha bomba hidráulica con motor de combustión, 4 mangueiras hidráulicas, 2 cizallas, unha delas cortapedales, un separador, un cilindro RAM separador, 2 puntais de estabilización, unha ferramenta combinada con baterías e cargador para realizar operacións de separación, corte e obturación, un protector de Airbag, un xogo de bloques e cuñas un set de cubertas protectoras para as vítimas e escudos protectores para vítimas e rescatadores, e unha serra e un punzón rompecristais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén lembrou que Maceda é sede dun dos 6 novos servizos de emerxencias creados o ano pasado no marco da Comisión de Seguimento dos GES -da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)- co obxectivo de reducir os tempos de resposta en situacións de risco. Este GES atende as incidencias dos concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

Na provincia de Ourense tamén se creou o GES da Veiga, que dá cobertura aos municipios de A Veiga, O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. A eles sumáronse en 2021 os GES de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela, na provincia de Pontevedra, xunto co servizo municipal do concello coruñés de Noia.

Este ano, debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES as melloras plantexadas polo Goberno galego en canto á cobertura das emerxencias en Galicia, nas condicións laborais e económicas dos GES existentes e no incremento dos cadros de persoal dos servicios de emerxencia que non contaban con 12 efectivos.

Gabriel Alén incidiu tamén en que, pese a tratarse dunha competencia de carácter local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación-, o Goberno galego mantén o seu compromiso no eido das emerxencias cun importante investimento nos últimos anos que acada os 20 millóns de euros en material cedido aos municipios galegos.

Por iso, apelou a que tódalas administracións se impliquen na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias para que poidan levar a cabo as súas intervencións nas mellores condicións e sigan desempeñando con garantías un labor tan imprescindible como é velar pola seguridade da cidadanía.

Deste xeito, dos case 20 millóns investidos pola Xunta en dotar de equipamento aos servizos de emerxencias, 8 millóns destináronse a GES como o de Maceda e máis de 11 millóns nas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da comunidade.

Ademais, a Xunta asume máis da metade do custo do funcionamento dos GES, o que supón máis de 40 millóns desde a súa posta en marcha, mentres que no caso das AVPC leva destinados máis de 4 millóns de euros coas ordes anuais coas que colaborar nos seus gastos de funcionamento, que este ano conta cun orzamento de 340.000 euros.

Por tanto, en total a Xunta ten demostrado o seu compromiso cos servizos de emerxencias con máis de 60 millóns para o seu funcionamento e equipamento, ademais de formar aos seus efectivos desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).