O cinema ourensán triunfa nos premios Goya

“Valentina”, rodada co apoio da Deputación de Ourense, gañou o galardón ao mellor filme de animación e o ourensán Chechu Salgado foi distinguido coma mellor actor revelación

O cinema ourensán continúa acadando éxitos. Os premios Goya, celebrados onte en Valencia, premiaron a “Valentina”, rodada co apoio da Deputación de Ourense, e ao actor ourensán Chechu Salgado polo seu papel no filme “Las leyes de la frontera”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

“Valentina” foi premiada como o mellor filme de animación. Esta longametraxe de Chelo Loureiro rodouse co apoio do goberno presidido por Manuel Baltar dentro da aposta da Deputación de Ourense polo sector audiovisual, unha estratexia concretada na transformación da provincia nun gran estudo para acoller todo tipo de rodaxes -os últimos dous filmes confirmados para 2022 son “La manzana de oro” e “13 exorcismos”- e a blindaxe do OUFF, o festival de cinema de Ourense. Neste caso apoiar a “Valentina” supuxo abrir unha nova vía de colaboración co cine de animación: esta película está protagonizada por Valentina, unha nena con síndrome de Down que recorre Galicia -pasando por puntos como o Entroido de Laza- na procura da súa avoa. “Valentina’ é un filme infantil de ámbito internacional que pon de relieve valores como a solidariedade, a amizade e as nosas tradicións”, sinalou o propio presidente da Deputación de Ourense. 

O actor Chechu Salgado, nado en Sober e afincado en Ourense, foi premiado coma mellor actor revelación polo seu papel de Zarco en “Las leyes de la frontera”. Este filme, dirixido por Daniel Monzón adaptando a novela homónima de Javier Cercas, acadou onte en Valencia cinco premios Goya, converténdose na gran triunfadora da gala detrás de “El buen patrón”, de Fernando León de Aranoa. 

Entre os premios con conexión ourensán, destaca tamén no eido da animación o recoñecemento a Xosé Zapata, que gañou o Goya á mellor curtametraxe de animación por “The Monkey”. Actualmente, entre outros proxectos, o produtor coruñés está traballando en “La manzana de oro”, a nova película de Jaime Chávarri que se rodará de xeito íntegro en Ourense. Ademais, “Mediterráneo”, integrada na programación do OUFF 2021, gañou outros tres Goya -canción orixinal e mellor dirección de produción e fotografía-. 

Ourense, capital do audiovisual

Este éxito para o cinema ourensán nos premios Goya coñeceuse o mesmo día no que se confirmou a rodaxe de “13 exorcismos” en Ourense, co apoio da Deputación, e dous días despois das candidaturas aos premios Mestre Mateo, no que o cinema rodado na provincia con soporte do goberno provincial converteuse foi unha das grandes novas. “Cuñados” (16 nominacións, o récord desta vixésima edición), “Malencolía” (11) e “Eles transportan a morte” (6) suman 33 candidaturas aos premios da Academia Galega do Audiovisual, que se entregarán o vindeiro 19 de marzo en A Coruña.