O Psdeg-Psoe amosa o seu malestar polo “despilfarro” de 14.520 euros nos tres dromedarios que Jácome empregou como se fosen “xoguetes” na cabalgata de reis

Os socialistas critican que en pleno século XXI haxa persoas como o alcalde de Ourense “illado na idade de pedra” e que precisa empregar animais como “xoguetes”, sen importarlles o “estrés e sufrimento”

Lembran que no seu día xa criticaron o uso de dromedarios na cabalgata, ao entender que esta decisión “rompe por completo co nomeamento de Ourense como cidade libre de circos con animais”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o uso de dromedarios na cabalgata de reis supúxolle aos ourensáns e as ourensás un gasto de 14.520 euros. Os socialistas consideran este gasto un “despilfarro” máis do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e volven a criticar que en pleno século XXI haxa persoas como o rexedor de Ourense “illado na idade de pedra” e que precisa empregar animais como “xoguetes”, sen importarlle o “estrés e sufrimento” que estes padecen neste tipo de espectáculos.

Dende o Grupo Municipal Socialista salientan que ademais do xa mencionado maltrato animal, “agora coñecemos o importe exacto deste espectáculo”, contratado polo alcalde de Ourense para a cabalgata de reis. “A pesar dos intentos de Jácome por ocultar as facturas e os importes gastados, vimos de coñecer que finalmente o prezo da contratación dos tres dromedarios supuxo para as arcas públicas ourensás, un gasto total de 12.000 euros máis IVA, ou o que é o mesmo, un total de 14.520 euros”.

Os socialistas lembran que no seu día xa criticaron o uso de dromedarios na cabalgata, ao entender que esta decisión “supón unha volta ao pasado e rompe por completo co nomeamento de Ourense como cidade declarada como libre de circos con animais”. Para o PSOE ourensán o emprego de animais neste tipo de espectáculos “está totalmente fóra de lugar”, motivo polo que lle esixen ao Partido Popular, colaboradores necesarios nas “armadanzas” do alcalde que “se amosen claramente a súa postura” e que “poñan fin ao malgasto de cartos públicos en eventos deste tipo”.

Na factura a que os socialistas tiveron acceso detállase que o importe total incluía ademais dos 3 dromedarios, as súas respectivas monturas, o persoal necesario para levar a cabo o servizo, os traxes do persoal, o transporte en camión homologado, a quilometraxe de vir ata Ourense, así como a xestión de autorizacións ou o seguro de responsabilidade civil.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que este gasto “puido terse evitado” e lembran que non é a primeira vez que o alcalde opta polo emprego de animais en cabalgatas, xa que tal e como apuntan “fai dous anos durante a previa de Nadal, o alcalde tamén realizou un desfile con renos, que amosaban un pésimo coidado e que non se atopaban nas mellores condicións, ademais do estrés que padeceron nun clima de ruído, berros e decibelios disparados”.

O PSOE aposta por que se poña fin o uso de animais en cabalgatas ou eventos na cidade e apunta a que na actualidade se está tramitando a nova lei de protección animal, na que se contemplo o emprego de animais en cabalgatas, concretamente no artigo 73, no que tal e como apuntan os socialistas “prohíbese o uso de animais en exposicións, beléns, cabalgatas ou procesións nas que se manteña o animal de forma antinatural conforme ás características propias da súa especie, ou inmobilizado durante a duración do evento”.