O Psdeg-Psoe destaca a aposta do goberno polo sector agroalimentario ourensán

O Psdeg-Psoe destaca a aposta do goberno polo sector agroalimentario ourensán cun proxecto que “transforme, modernice e impulse” o crecemento económico e sostible

Os socialistas esgrimen que namentres Manuel Baltar opta pola “involución” da provincia, o PSOE “aposta de xeito firme e decidido por darlle un futuro a Ourense e frear a sangría demográfica”

AVANTAR ACTIVIDADES

Afirman que “é unha gran oportunidade para impulsar unha provincia que vive unha grave crise demográfica ante a ausencia de políticas activas por parte do PP, tanto na Xunta como na Deputación”

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que o proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica do sector agroalimentario, que vén de ser aprobado polo Goberno central, é unha “oportunidade única” para a provincia de Ourense para “transformar, modernizar e impulsar” un crecemento económico sostible e apostar pola “dixitalización e a cohesión territorial”. Os socialistas destacan que este PERTE beneficiará a centos de agricultores, gandeiros, cooperativas, pequenas e medianas empresas de produción e transformación e que permitirá que estes axentes da cadea de valor “aumenten a competitividade, impulsen a sostibilidade e melloran a trazabilidade e seguridade do sector na provincia”.

O deputado, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón; e o senador, Miguel Bautista; destacan que co PERTE “crearase en Ourense emprego de calidade nun sector esencial da nosa economía” e apuntan a que servirá para “fortalecer a competitividade do sector agroalimentario como un dos sectores máis importantes da economía ourensá e española”. Os representantes socialistas nas Cortes Xerais pola provincia de Ourense tamén subliñan que “melloraremos a vertebración rural”, xa que tal e como afirman o PERTE “actuará como un xerador socio-económico da contorna rural, atraendo servizos complementarios para o transporte, a restauración ou as empresas auxiliares da agricultura e a agroindustria”.

Para os representantes dos socialistas ourensáns en Madrid “esta é unha gran oportunidade para impulsar unha provincia que vive unha grave crise demográfica ante a ausencia de políticas activas por parte dos gobernos do Partido Popular, tanto na Xunta como na Deputación de Ourense”Os socialistas esgrimen que namentres Baltar opta pola “involución” da provincia, o PSOE “aposta de xeito firme e decidido por darlle un futuro a Ourense e as súas xentes, co obxectivo de frear a sangría demográfica e evitar o inverno demográfico que ameaza a varios puntos da provincia”.

Dende o seo do PSdeG-PSOE de Ourense apuntan a que este PERTE “é unha proposta coherente e cun enfoque transversal que da resposta aos retos e necesidades actuais, impulsando un sector estratéxico e de futuro, consolidando a súa transición xeracional, dixital e medio ambiental”. Tamén destacan que un dos obxectivos principais “é dotar ao sector do financiamento e as ferramentas necesarias para facer fronte aos desafíos medio ambientais, dixitais, sociais e económicos da próxima década”. “Entre 2022 e 2026, o sector agroalimentario vai ser testemuña do maior investimento de fondos públicos do país”, afirman os socialistas, antes de sinalar que para este Goberno “o sector agroalimentario ten unha gran importancia económica e unha enorme significación social, territorial e ambiental”.

O PERTE para o sector agroalimentario contará cun investimento público inicial de 1.000 millóns de euros ata 2023 e estímase que terá un impacto de partida na economía de 3.000 millóns de euros e poderán crearse en torno a 16.000 empregos directos a nivel nacional. Ademais incorpora unha novidade importante, xa que inclúe unha liña de axudas de 400 millóns de euros para préstamos cunha parte non reembolsable para que se agrupen empresas grandes e pequenas pemes, co obxectivo de desenvolver grandes proxectos transformadores que mellores toda a cadea de valor no sector agroalimentario.

Servirá tamén para apoiar o proceso de dixitalización de todos os axentes que forman este proceso, cun investimento de máis de 450 millóns de euros, a través do Programa Kit Dixital, o Desenvolvemento do Sistema de Información de Explotacións Agrarias (SIEX) ou a Liña AgroInnpulso. Ademais, conta tamén cunha dotación de máis de 148 millóns de euros dedicada á innovación e a investigación para manter e mellorar os avances de produtividade, competitividade, sostibilidade de recursos e calidade dos produtos agroalimentarios.