O Psdeg-Psoe reclama a paralización da privatización do servizo de recollida do lixo que a Deputación de Ourense presta a dous de cada tres veciños da provincia

Villarino proclamou que estamos ante un “negocio” de PP e DO de “200 millóns”, unha cifra “astronómica” que “sorprendentemente tamén inclúe o servizo de recollida de residuos da capital”

Gómez dixo que cargos públicos do PP piden ao PSOE “parar esta sinrazón” antes de denunciar que Baltar e Jácome “queren un negocio beneficioso para quen o fai, pero ruinoso para os que o van sufrir”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE reclama a paralización inmediata da privatización do servizo de recollida de residuos que a Deputación de Ourense presta en 74 dos 92 municipios da provincia, impulsada “á forza” e “sen negociación” polo de goberno de Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome. “Queren empeorar e encarecer o servizo e prexudicar aos traballadores e traballadores” denuncian os e as socialistas ante un proceso que converterá “un servizo universal público nun negocio privado que só buscará o beneficio económico daqueles que decida o bipartito provincial”.

A iniciativa reclama a Partido Popular e Democracia Ourensana, paralizar definitivamente esta privatización e reforzar o servizo cun modelo integral baseado nunha xestión pública cento por cento, non mercantil, sen ánimo de lucro, transparente e sostible. Igualmente esixe absterse de adoptar calquera decisión, no presente ou no futuro, que supoña un retroceso, externalización ou privatización.

O voceiro, Rafa Villarino, proclamou que estamos ante un “negocio” de PP e DO de “200 millóns de euros”, unha cifra “astronómica” que, “sorprendentemente inclúe o servizo de recollida de residuos dos municipios da provincia, pero tamén o da capital”. “Que hai detrás disto?”, preguntouse. “O único interese do goberno bipartito é o económico”, xustificado a través dun “informe realizado ad hoc por unha empresa privada onde se cita un prezo estimado de licitación que supera os 199 millóns”, denunciou antes de sinalar que “o PSdeG-PSOE seguirá a loitar contra a privatización de calquera servizo ou ben público”.

“Como unha administración pública fai informes a dedo para saber se unha empresa privada pode ter intereses nun negocio? Cal é entón o interese real desta institución?”, incidiu o voceiro tras recordar como “a propia deputación denosta este servizo para xustificar a súa privatización”. O líder socialista tamén destacou que estamos ante unha “competencia municipal” coa que Baltar e Jácome “xogan” para “tratar de sacar rédito” e “facer negocio” como “fan nesta deputación deste tempos inmemoriais”. “En aras do ben de toda a provincia, imos reivindicar unha vez máis a xestión estritamente pública”, anunciou.

Pola súa banda, o deputado Nacho Gómez, puxo en valor “un servizo público que funciona correctamente” que “hai que mellorar con fondos públicos” e “non con procesos que só se guían polo ego do presidente” que “non benefician á veciñanza”. Baltar “pretende executar un negocio beneficioso para quen o fai pero ruinoso para os que o van sufrir”, dixo tras recordar que “por primeira vez na historia” se está a impulsar unha folga de empregados e empregadas ante o “escurantismo” dun “negocio de moitos cartos”.

“Os técnicos advirten que será un servizo ruinoso, moito mais caro para a veciñanza e moito peor”, algo que “non pretenden” nin os “traballadores e traballadoras desta casa nin os alcaldes e alcaldesas, tamén os do PP que falan con nós”, aseverou Gómez antes de destapar como cargos públicos piden aos socialistas, como grupo maioritario da oposición, “parar esta sinrazón“.

Os e as socialistas denuncian que o goberno de Baltar e Jácome pretende “privatizalo á forza” con argumentos “pasaxeiros e de carácter exclusivamente político”. “Os informes non conclúen beneficios para a veciñanza e o persoal traballador; unha posible rebaixa dos custes; melloras na sostenibilidade económica para as administracións públicas ou incremento algún da eficacia e a eficiencia”, advirten.

Fronte ao criterio exclusivamente economicista e logo de manter encontros cos empregados, empregadas, técnicos e técnicas e representantes sindicais, o grupo provincial socialista defende que o “modelo adecuado” para o interese público é a xestión directa, dadas as “vantaxes en termos de eficacia, eficiencia, custo e beneficios sociais e ambientais”.

Actualmente, este servizo de recollida e transferencia de residuos en réxime de competencia delegada abarca 74 dos 92 concellos da provincia: o 80 % do total. A Deputación ourensá tamén realiza a recollida selectiva de envases lixeiros en 17 concellos; de papel e cartón en seis concellos e de vidro noutros nove concellos. Igualmente asume o servizo de punto limpo en 64 concellos. Os medios materiais suman 40 vehículos, uns 18.000 contedores, 17 puntos limpos e 11 plantas de transferencia, sendo medios propios desde a súa xénese.